Os Loureiros incorpora as últimas innovacións tecnolóxicas á súa actividade gandeira
Os Loureiros incorpora as últimas innovacións tecnolóxicas á súa actividade gandeira
A explotación de Vimianzo estrea novas instalacións no lugar de Señoráns
Os Loureiros é unha explotación gandeira de Vimianzo que o ano pasado produciu máis de catro millóns e medio de litros de leite. A granxa está estreando as súas novas instalacións, un complexo de trinta mil metros cadrados cos últimos avances tecnolóxicos para gañar eficiencia e conseguir o máximo benestar dos animais.
A sociedade naceu en 2007 con setenta vacas. Máis de cincocentas están xa na nova granxa, no lugar de Señoráns, un espazo moderno, aberto e ventilado.
"Ten unha grande altura con moita caída nas cubertas, o que permite a evacuación do aire quente e dos olores. E despois hai que destacar o confort dos animais. As camas son moi amplas, cuns ferros que deixan que os animais se movan comodamente", detalla Celestino Pose Miñones, pai dun dos socios e gandeiro retirado.
Apostaron pola tecnoloxía e a dixitalización dos procesos para gañar eficiencia e facilitar o traballo diario dos quince empregados actuais. Instalaron unha sala xiratoria de muxido para cincuenta reses e cambiaron os podómetros por colares que monitorizan a actividade do gando e recollen información valiosa.
"Recollen datos como a rumia, a alimentación de cada animal, os datos reprodutivos, o descanso, se hai problemas de saúde. Esa información facilítanos moito o día a día", explica Celestino Pose, xerente, xunto con Vítor Manuel Lavandeira, da gandaría Os Loureiros.
Os Loureiros é un referente de gandaría moderna. No acto de inauguración da explotación interviron a conselleira de Medio Rural e o delegado do Goberno en Galicia. Tanto María José Gómez como Pedro Blanco salientaron a aposta do sector lácteo galego pola innovación tecnolóxica.