Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha voadura controlada acaba coa cheminea da central térmica de Meirama

Unha voadura controlada acaba coa cheminea da central térmica de Meirama

Os veciños de Meirama senten a perda do que foi un referente do emprego e a paisaxe local

A central térmica empezou a funcionar en 1981 e parou definitivamente en 2020

Máis de corenta anos de historia, ao chan en 25 segundos

G24.gal 01/03/2023 11:36 Última actualización 01/03/2023 21:44

O 21 de decembro pasado os veciños de Cerceda asistiron á caída da gran torre de refrixeración da Central de Meirama e hoxe volvían buscar o mellor sitio para ver o desmantelamento doutro dos referentes da instalación industrial que marcou a súa paisaxe e a súa historia durante corenta anos. 

Jesús Louro estivo hai dous meses no derrubamento da torre e tampouco quere perder agora o da cheminea, aínda que supoña en certo modo ver caer toda a súa vida laboral, porque sempre traballou en empresas auxiliares da central.

A primeira delas foi precisamente a que levantou a cheminea que hoxe van botar abaixo.  

"Traballei nela poñéndolle ladrillo refractario por dentro durante tres meses todas as noites desde que se empezou ata que se acabou, en 1977 ou 1978", comenta Louro

Pouco despois de acabada a infraestrutura, a comezos dos 80, empezou xa a funcionar a Central que fora impulsada por Unión Fenosa para explotar un xacemento de lignito que había na zona.

O proxecto foi activamente rexeitado polos veciños das Encrobas que sufriron a expropiación.

Os veciños de Cerceda e arredores lembran como aquel rexeitamento inicial mudou logo nun interés equivalente por entrar a traballar na empresa "porque quitabas un bo soldo aquí ao lado da casa."

Moitos empregos

O seu cadro de persoal chegou ata os 200 empregos en postos directos, amais dos que traballaron en empresas auxiliares, coma Manuel Candal, que estivo tamén naqueles primeiros anos, ocupándose do equipamento da Central. 

"Na cheminea puxen o balizamento, as luces que van por fóra; estiven arriba de todo. Nós eramos uns nenos cando se empezou a facer a Central e fomos dos primeiros que estivemos aí", explica Candal

Nos períodos de máis actividade chegou a acadar os 580 megawatts de produción.

Un peche e unha fin

En 2008 esgotouse o lignito da mina e incorporou a hulla de importación ata que en 2020 pechou definitivamente a súa actividade.

Pero a súa estampa seguiu formando parte da iconografía local, por iso aquí ninguén vive con indiferenza o proceso de demolición. 

Porque perden a un tempo un signo de identidade e un punto de referencia na paisaxe xa que cheminea destacaba na paisaxe, de día pola súas bandas vermellas e de noite polas luces de balizamento a 206 metros de altura.

Así foi o adeus

A voadura produciuse ás 14:00, e foi un proceso semellante ao que en decembro pasado levou por diante a torre de refrixeración, tras 40 anos de servizo.

Imaxes da cheminea precipitándos | EFE (Cabalar) Imaxes da cheminea precipitándos | EFE (Cabalar)

A cheminea, de 204 metros de altura, saltou polos aires e o skyline de Meirama dixo adeus a outro dos seus símbolos, que curiosamente permanece no escudo do concello de Cerceda.

Un lago artificial de máis de dous quilómetros e 200 metros de profundidade cobre o burato que deixou a explotación mineira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos