Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha exposición recolle a historia do galego na liturxia

Unha exposición recolle a historia do galego na liturxia

Pódese visitar en San Martiño Pinario, en Santiago, ata o 29 de febreiro

G24.gal 22/01/2024 20:23 Última actualización 22/01/2024 20:34

O punto de partida foi o 25 de xullo de 1965, cando, por encargo do cardeal Quiroga, o padre Seixas celebrou a primeira misa en galego con autorización oficial. Din as crónicas da época que, ao remate, Ramón Otero Pedrayo exclamou: "Levaba moito tempo pedíndolle a Deus este día".

O galego incorporábase á liturxia máis tarde xa do debido. Desde 1963, o Concilio Vaticano permitía o uso das linguas vernáculas, pero os bispos galegos decidiron daquela que a lingua de Galicia era o español.

"Nun primeiro momento, os bispos galegos non tiveron a postura de compromiso e de liderado que lles correspondía. Entón saltou a sociedade civil, persoas que estaban na liña do Vaticano II, con esta idea da inculturación da Igrexa en todas as sociedades", explica Silvestre Gómez, comisario da exposición.

Tras moito traballo, foi en 1968 cando o Consilium aprobou o galego como lingua litúrxica nas dioceses de Galicia. Na práctica, cunha repercusión escasa.

"Nunca as misas en galego superaron o dez por cento do total.  A introdución do galego na liturxia realmente aínda está por facer na maioría dos casos", di Silvestre Gómez.

É parte da historia que recolle esta exposición que acaba de inaugurarse en Santiago. Un percorrido polos 55 anos da liturxia en galego abre o debate tamén sobre o seu futuro. 

Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, apunta: "Cando o padre Seixas no ano 75 facía reconto, dicía que había misas en galego en todas as vilas importantes de Galicia. Hoxe cónstame que son moitas menos, que non medramos. E ese é un desafío importante".

A exposición estará aberta ata o 29 de febreiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade