Unha familia de feirantes de Foz perde o seu medio de vida nun incendio
Unha familia de feirantes de Foz perde o seu medio de vida nun incendio
Calculan uns 100.000 euros en perdas ao arder dous alpendres con varias atraccións de feira
Un incendio calcinou dous alpendres no Camiño da Cruz, na parroquia focega de Cangas de Foz. Pertencen a unha familia de seis membros, entre eles menores, que espertaron co estalido das uralitas da cuberta.
Malia saíren ilesos, unha ambulancia tivo que atender o dono da vivenda mentres os bombeiros de Barreiros e o GES de San Cibrao se ocupaban de sufocar as lapas e de evitar que se propagasen á casa lindeira.
"Saín para fóra e xa vin todo arder. Chamei os pícaros e a muller para fóra, collín a mangueira da auga e chamei os bombeiros e o 112", explica Luis Machado, dono da casa.
Aínda que finalmente non houbo que lamentar danos persoais, as perdas económicas están valoradas nuns 100.000 euros. Nos almacéns gardaban mobles e varias figuras de atraccións de feira, que supoñían a principal fonte de ingresos dos seus donos.
Arderon catro figuras, que son carísimas. Valen cada unha sobre 20.000 euros. Agora haberá que amañar da mellor maneira posible", di Luis.
Agora, á familia de feirantes propietaria dos alpendres só lles queda un posto de bocadillos co que acudir ás feiras.