Unha familia de Miño anda á procura da súa cadela desaparecida o domingo pasado
Unha familia de Miño anda á procura da súa cadela desaparecida o domingo pasado
O animal, un yorkshire terrier, fuxiu da casa asustado polas bombas de palenque
Fiona falta da casa desde o domingo pasado. Os seus donos saíran xantar fóra e sospeitan que, contra as cinco da tarde, asustada polas bombas de palenque das festas de San Paio de Bañobre, fuxiu correndo ata chegar á praia Grande de Miño.
"Atopárona uns bañistas e levárona á caseta dos socorristas. Chamaron a Policía Local e os axentes dixéronlles que agardasen un anaco, que nuns corenta minutos xa ían pola cadela", explica Paloma Astray Vázquez, a dona de Fiona.
Porén, mentres, os socorristas fixeron unha chamada por megafonía. En cuestión de minutos, unha parella duns trinta anos chegou ao lugar nun coche. A muller dirixiuse á caseta de Salvamento e dixo que a cadela era a que perdera seu pai había un tempo.
"O socorrista, con toda a súa boa fe, deulle credibilidade. Así que colleron a cadela e marcharon no coche. Nós non temos xeito de contactar con eles. Só para dicirlles que se trata dun erro. A cadela leva chip e ten o meu nome. Se seguen pensando que é a que perdeu seu pai, poden ir a un veterinario ou á Policía Local de onde sexan para que lean o chip e así saír de dúbidas", engade.
Paloma di que non lle garda rancor a ninguén. O único que quere é que Fiona, que leva seis anos nesta familia, volva á casa e se recupere tranquila desta confusión.