Unha igrexa de Ribeira de Piquín loce cinco caveiras incrustadas nun muro do pórtico
Oficialmente, descoñécese a razón ou a simboloxía destes ósos, que están a dous metros desde o chan e situados sobre o oco dunha ventá
Na provincia lucense hai outros dous templos que amosan uns ósos semellantes e tamén se relacionan coa orde de Malta
Cinco caveiras de tamaño pequeno ás que lles falta a mandíbula inferior, introducidas na parede e situadas sobre un oco sen ventá, a uns dous metros desde o chan. É o que se pode ver no pórtico da igrexa dos Vaos, no concello lucense de Ribeira de Piquín. No mesmo lugar houbo un castro prerromano, sobre o que se levantou o templo, que, en tempos, pertenceu á orde de Malta.
Con seguridade non se sabe a razón da súa presenza no muro e na vila lémbranas desde sempre. No lugar houbo un priorado e funcionou tamén como igrexa refuxio. As caveiras están situadas na parte posterior do templo, onde antigamente había enterramentos.
Por curioso que pareza, caveiras semellantes tamén se poden ver noutros dous templos da provincia de Lugo relacionados coa orde de Malta.