Cae o muro posterior da igrexa de San Martiño de Tiobre, en Betanzos
Suponse que o esborrallamento se produciu polas circunstancias atmosféricas de tanta chuvia e vento dos últimos días
Derrúbase o muro exterior da fachada traseira do templo de San Martiño de Tiobre, símbolo de Betanzos o Vello, polas circunstancias atmosféricas de tanta chuvia e vento dos últimos días.
"Sobre as dúas da tarde escóitase un trono bastante forte. Penso que as vibracións dese trono fan que se derrube o muro. Non teño explicación a por que caeu. No interior, mesmo agora se ve que non hai filtracións, nin humidades nin gretas.", explica Santiago Pérez, párroco de Betanzos.
"Cando estabamos aquí co Concello, Protección Civil e colaboradores meus, pasaba algunha veciña de aquí e dicíame que pola mañá estiveran ante estes panteóns rezando a seu pai onde agora hai pedras. Foi unha sorte que non houbera ninguén".
Na cima do muro había outros dous remates que caeron e están gardados para a súa reposición neste ben patrimonial, que é de gran valor para as persoas de Betanzos.
"Por iso Betanzos lle ten moito cariño e é o recordo que temos do Betanzos O Vello, esta igrexa románica do século XII", di Santiago Pérez.
Na igrexa de San Martiño de Tiobre hai culto cada quince días e no cemiterio do atrio segue a haber enterros. Por iso e polo risco de que o dano se acrecente, o cura confía en que a restauración poida realizarse o máis rápido posible.
"Ten que ser de moita urxencia porque a chuvia ameaza e tanto o arcebispado e a Xunta de Galicia están a esmerarse para poder facelo xa", conclúe o párroco.