Unha loba mariña e tres tartarugas recupéranse na Illa de Arousa antes de regresar ao mar
Unha loba mariña e tres tartarugas recupéranse na Illa de Arousa antes de regresar ao mar
As instalacións do IGAFA serven de enfermería onde recuperan forzas antes de regresar ao seu hábitat
A comunidade educativa alimenta e coida dos animais seguindo as pautas dos especialistas do CEMMA
Comba apareceu desnutrida na costa de Ferrol no mes de xaneiro. Despois de pasar pola Unidade de Coidados Intensivos da Coordinadora de Mamíferos Mariños (CEMMA) en Nigrán, agora colle peso na piscina do centro de acuicultura da Illa de Arousa. Unha especie de enfermería na que buscan que a pequena loba mariña regrese segura ao océano.
"Nós poñemos o espazo e o voluntariado de toda a comunidade educativa, dos conserxes ao alumnado. Controlamos o seu estado, dámoslles de comer e limpamos o espazo, sempre coas directrices dos especialistas do CEMMA", explica a vicedirectora do IGAFA, Isabel Rodríguez.
Comba non é a única paciente, xa que aquí tamén convalecen 3 tartarugas. Chámanse Nemiña, Ferdylan e Coviña, que chegou despois de quedar presa nas redes dun pesqueiro. Seguindo as pautas do CEMMA, os alumnos aprenden a coidalos sen domesticalos.
"As tartarugas poden ter inxerido plásticos, temos que deixar que os expulsen os primeiros días e logo alimentalas e darlles baños de sol", explica Álvaro Lage, un dos alumnos.
"Pesámolas e alimentámolas. Unha das nosas saídas profesionais pode ser traballar en acuarios así que esta formación tamén é un estímulo para enriquecer o noso currículo", engade Perla Lima, outra alumna do centro.
Esta é a primeira vez que coinciden tantos animais convalecendo ao mesmo tempo neste centro de formación dependente da Consellería do Mar. Pero polo IGAFA xa pasaron antes quince lobos mariños e cinco tartarugas que escaparon dunha morte segura nas nosas costas.