Unha operación dirixida desde Lugo leva á detención de 15 persoas por roubos en España e Francia
Unha operación dirixida desde Lugo leva á detención de 15 persoas por roubos en España e Francia
Un xulgado de Sarria dirixe a investigación
A maior parte da operación desenvolveuse nas provincias de Tarragona, Barcelona, Madrid, Alacant e Lugo
A Garda Civil, no marco da operación Carbig en colaboración coa Europol e a Xendarmería francesa, detivo na provincia de Tarragona os quince integrantes dunha banda organizada especializada en roubos con forza en vivendas e establecementos comerciais, tanto do sector servizos como de casinos.
Esta operación foi coordinada pola Unidade Técnica da Policía Xudicial e desenvolvida pola Unidade Orgánica de Policía Xudicial de Lugo, en colaboración coa Xendarmería de Toulouse (Francia), e permitiu esclarecer máis de medio centenar de roubos cometidos en territorio español e unha ducia en casinos do sur de Francia.
A operación púxose en marcha a principios do pasado ano por mor de cinco roubos cometidos en diferentes localidades da provincia de Lugo.
A investigación desenvolvida pola Garda Civil durante varios meses permitiu identificar os principais integrantes “deste grupo criminal”, todos procedentes de países do Leste, e localizalos en Tarragona.
Actuaban como un comando itinerante, con viaxes de tres ou catro días de duración. Cambiaban habitualmente de localidade e busca de novos obxectivos, sen apenas descansar, ata regresar a Tarragona ou Madrid, localidades onde estableceran os seus “cuarteis xerais”.
A Garda Civil informa nun comunicado de que o grupo desmantelado era “moi violento” e utilizaba “ferramentas contundentes para forzar portas, xanelas e practicar buracos en poucos segundos”.
Un dos seus obxectivos “preferidos” eran as casas de apostas e salóns de xogos. Nun só roubo chegaron a levar un botín de máis de 30.000 euros. De feito, actuaron en establecementos deste tipo en Tomiño (Pontevedra), Valverde de la Virgen (León) e no Campo de Criptana (Ciudad Real).
Tamén roubaron en establecementos de produtos cárnicos, farmacias e locais de hostalería, en lugares como Tudela, Fraga, Alcazar de San Juan, Carlet, Orihuela, Aracena, Feira, Olivenza, Illescas, León, Corrales de Buelna, Binefar, Almazán ou Monforte de Lemos e vivendas na provincia de Barcelona, onde substraeron ferramentas para o mantemento dos xardíns.
Segundo a Garda Civil, ocultaban sempre o seu rostro, levaban luvas e tomaban todas as medidas posibles para evitar ser identificados e usaban técnicas militares para evitar ser descubertos, ademais de roubar vehículos para cometer os golpes, co obxectivo de dificultar a identificación dos coches en que se trasladaban.
A maior parte da operación desenvolveuse nas provincias de Tarragona, Barcelona, Madrid, Alacante e Lugo. As detencións foron practicadas en Poboa de Mafumet, Puigdelfí, San Pere e San Pau, en Tarragona.
Os detidos foron imputados como investigados por pertenza a grupo criminal e máis de medio centenar de roubos con forza. A Garda Civil calcula que o material e diñeiro roubados, máis os danos provocados, poden sumar perdas para os afectados duns 400.000 euros, só en territorio español.
Nos rexistros domiciliarios foi recuperado parte do material que fora roubado en Cataluña, que xa foi devolto aos seus propietarios.
Da investigación fíxose cargo o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución número 1 de Sarria (Lugo) e polas autoridades francesas, a través do Tribunal de Xustiza de Bordeos -coa coordinación de Eurojust e o apoio da Europol-. A Garda Civil tamén intercambiou información cos Mossos.
A investigación continúa aberta e non se descartan máis detencións.