Fanse pasar por traballadores de Naturgy para estafar veciños da comarca de Ortegal
Escollen as persoas maiores que viven soas nas casas do rural

A alarma saltou tras recibir a Garda Civil a denuncia dunha vítima en Mañón, na comarca de Ortegal. "O equipo da Policía Xudicial da Garda Civil está seguindo este caso. Son un home e unha muller que se fan pasar por operarios de Naturgy. Tras gañar a confianza da xente, entran nas casas e, mentres un entretén á persoa, o outro anda pola vivenda na procura de cartos e xoias", explica Alberto Díaz García, o xefe da Policía Local de Cedeira.
E a consecuencia deste caso, a Policía Local de Cedeira alertou a veciñanza para evitar novos calotes. "Nós o que fixemos foi poñelo nas redes do Concello para que os veciños estean en alerta e nos poidan avisar se ven esta parella que faga este tipo de manobras", engade Alberto Díaz.
E tan en alerta están que ata algúns xa chegaron a desconfiar de quen si estaba traballando de xeito legal. "Ao pouco da alerta, tivemos unha chamada por unha parella que andaba por Cedeira. Pero non eran estas persoas que se fan pasar por traballadores de Naturgy, eran dous comerciais legais", di o xefe da Policía de Cedeira.
Con esta situación, a policía insta os veciños a que cando os vexan se poñan en contacto con eles ou coa Garda Civil chamando ao 062.