Nai e filla morren no Valadouro ao producirse un incendio na súa vivenda
Nai e filla morren no Valadouro ao producirse un incendio na súa vivenda
As vítimas teñen 50 e 77 anos
Unha muller de 50 anos faleceu no Valadouro ao producirse un incendio na súa vivenda.
A súa nai, de 77 anos, foi trasladada con vida ao Hospital Público da Mariña pero faleceu despois. O pai, de 79 anos, recibiu atención no PAC de Burela.
O suceso ocorreu na avenida Deputación, en Ferreira, sobre as 3 da tarde.
O lume comezou nunha habitación da vivenda do primeiro piso, que ardeu na súa totalidade.
De feito, quedou totalmente afectada polos gases e polo fume ocasionado lume.
O impacto causado polas lapas fixo que rebentase unha xanela que conectaba co patio de luces do edificio, o que provocou a rotura dos cristais nas demais vivendas, mesmo, nos pisos superiores, que tamén resultaron afectados polo fume e polas altas temperaturas.
Axentes da Garda Civil traballan agora para esclarecer as causas que orixinaron o incendio.
Ao lugar acudiron os bombeiros de Barreiros, o GES de Cervo e Protección Civil do Valadouro.
Os equipos de rescate tiveron que desaloxar moitos dos veciños. Algúns deles mesmo tiveron que ser rescatados polos balcóns mediante o cesto dos Bombeiros.
Os residentes non poderán regresar ás súas casas ata pasados uns días, debido aos danos causados polo lume.