Valadouro decreta tres días de loito pola morte de nai e filla no incendio da súa vivenda
Valadouro decreta tres días de loito pola morte de nai e filla no incendio da súa vivenda
O resto de veciños do edificio tiveron que pasar a noite fóra da casa
A Policía Científica da Garda Civil investiga agora as causas do suceso
As bandeiras están a media hasta en Ferreira do Valadouro, tras decretar o Concello tres días de loito oficial pola morte de dúas veciñas, nai e filla, no incendio da súa vivenda.
A primeira en morrer foi a filla, no propio lugar do suceso. Tiña 50 anos, mentres que a súa nai, de 77, faleceu no hospital. Pola súa parte, o pai, de 79 anos, tivo que ser atendido no PAC de Burela debido a un ataque de ansiedade.
O resto de residentes no edificio foron desaloxados, e catro deles tiveron que ser rescatados polos bombeiros de Barreiros e polos efectivos do GES de Cervo e de Protección Civil.
Todos pasaron a noite nunha segunda vivenda, logo da recomendación das autoridades de non volveren ás súas casas en 48 horas.
Coa colaboración dos equipos de emerxencias que participaron na extinción das lapas, a Policía Científica da Garda Civil investiga agora as causas deste incendio con dúas vítimas mortais.