Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arde unha vivenda en Boiro da que este xoves ían desafiuzar o inquilino

Arde unha vivenda en Boiro da que este xoves ían desafiuzar o inquilino

A Policía Xudicial investiga as causas do incendio

Os propietarios cren que puido ser provocado polo inquilino que tivo que ser auxilidado con síntomas de intoxicación por fume

G24.gal 07/03/2024 13:57 Última actualización 07/03/2024 14:50

Paredes tisnadas, roupa queimada e un colchón totalmente calcinado. Así foi como quedou o interior desta vivenda da rúa Pesqueira en Cabo de Cruz, Boiro, tras un incendio que se iniciaba pouco antes das oito da mañá.

Francisco Manuel Sampedro, sarxento do parque de bombeiros de Boiro, asegura que cando chegaron atoparon "un home pedindo auxilio por unha fiestra". Di que "foi un rescate complicado" porque tiveron que tirara abaixo a porta e pola cantidade de combustible e de fume que había no interior da vivenda. 

A Policía Xudicial estivo recollendo probas no lugar para descubrir as causas do incendio. As primeiras hipóteses apuntan a que puido ser provocado, xa que o lume prendeu en dous cuartos e polo menos nun deles había varios focos de ignición. O inquilino levaba dous anos e medio sen pagar o alugueiro. Ía ser desafiuzado hoxe mesmo.

Carolina Oubiña, familiar da propietaria, di que "o lume comezou nun cuarto no que non había televisión nin nada que puidese provocar un chispazo". Apunta que o lume foi provocado no colchón.

A intensidade do fume obrigou a desaloxar todo o edificio. Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Boiro e de Ribeira, varias patrullas da Garda Civil e da Policía Local e unha ambulancia.

Carolina Oubiña di que o inquilino ía cunha máscara de osíxeno na ambulancia, pero que cando o sacaron da vivenda xa estaba ben.

A estas horas o home continúa ingresado no hospital do Barbanza. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade