Unha quedada de coches en Lugo deixa 6 denunciados por alcoholemias e condución temeraria
Unha quedada de coches en Lugo deixa 6 denunciados por alcoholemias e condución temeraria
A reunión fora convocada a través de redes sociais
Unha quedada de coches esta pasada fin de semana no polígono das Gándaras de Lugo deixa con 6 condutores denunciados por dar positivo nas probas de alcoholemia e por condución neglixente e temeraria.
Segundo informa a Policía Local, esta reunión de condutores tivo lugar na noite do sábado, e concertouse mediante redes sociais. Ao ter coñecemento da quedada, a Policía Local despregou un dispositivo de vixilancia con indicativos policiais rotulados e outros camuflados.
Con motivo dese dispositivo identificouse e denunciou a un condutor que sufrira unha saída da vía nunha das rúas do polígono e que, ao ser sometido á proba de alcoholemia, lanzou un resultado de 0,65 mg/l. O seu vehículo foi inmobilizado.
Por outra banda, foron detectados outros tres condutores que deron positivo nos test de alcoholemia, cuns resultados de 0,35, 0,48 e 0,51 mg/l respectivamente. Ademais das correspondentes sancións e retirada de puntos, os coches tamén foron inmobilizados.
A Policía Local informa tamén da identificación e denuncia doutro condutor, por condución temeraria (enfróntase a sanción de 500 euros e perda de 6 puntos) e outro máis por condución neglixente (proposto para sanción de 200 euros).