Unha queixería de Carballo fai queixos orixinarios de Venezuela e Colombia con leite galego
Unha queixería de Carballo fai queixos orixinarios de Venezuela e Colombia con leite galego
O seu público son principalmente as comunidades latinas que residen en Galicia e noutros puntos de España
Os queixos latinos son frescos, pero son máis compactos e máis salgados ca os galegos. Nesta queixería elaboran variedades orixinarias de Venezuela ou Colombia. Entre elas, o chamado "de man", tipo mozarella, ou o duro, usado nos tequeños.
"Son queixos frescos non curados que se fan no día, refrixéranse pola tarde e ao dia seguinte embálanse e poden distribuírse", explica Jesús Alejandro Morales, xerente da queixería De Mi Tierra.
Á fronte do negocio está Jesús, un venezolano, veterinario de formación, que chegou a Galicia no 2020. Instalouse nunha nave do polígono de Carballo. Di que todos os latinos comen o mesmo tipo de queixo. Tan só varía o grao de humidade e o punto de sal. Mais o del ten, ademais, sabor galego xa que o leite llo subministra unha cooperativa da Laracha.
"En graxa e proteína é moi estable e iso permítenos que o rendemento e o sabor do queixo sexa uniforme e non haxa variacións, porque, se ben todos os leites son brancos, dependen moito do que coma a vaca", engade Jesús.
Procesan 3.000 litros de leite ao día. Como únicos ingredientes: leite, callo e sal. Entre as súas propiedades: a versatilidade na cociña.
"Pódese facer fritido, á prancha, relado. É versátil. Empregámolo como acompañante para a comida e depende do prato que vaia acompañar así se prepara", puntualiza Jesús.
Elaboran tamén un queixo tipo Arzúa, mais o seu público son principalmente as comunidades latinas que residen en Galicia e noutros puntos de España.