Unha semana de incendios en Ourense
Os incendios xa non poñen en perigo as casas. Agora lóitase contra eles no monte
Entre o luns e o martes o lume converteu en ruínas a aldea da Veiga de Cascallá, no concello de Rubiá. Foi unha das aldeas máis afectadas de Valdeorras. Agora, trabállase no máis urxente, como derrubar paredes inseguras, retirar cascallos ou devolver a subministración eléctrica. Moitas destas casas estaban completamente operativas. En Barrio, tamén en Rubiá, ardeu ata a igrexa.
En Valdeorras o lume deu un respiro, como en Oímbra, pero o perigo non desapareceu e os servizos de extinción mantéñense alerta, incluídos os que veñen doutros lugares.
Onde se mantén a fronte máis importante é en Vilariño de Conso, no parque do Invernadeiro. Nos últimos oito días no conxunto da provincia de Ourense arderon máis de 19.000 hectáreas.