Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UME prepárase en Begonte para a extinción de incendios forestais

A UME prepárase en Begonte para a extinción de incendios forestais

Os últimos incendios nos que interviñeron foron en Asturias o mes pasado

Momento do simulacro en que a UME crea unha barreira contra o lume con material espumóxeno
G24.gal 10/05/2023 21:08 Última actualización 10/05/2023 21:54

Noventa e dúas persoas e vinte vehículos da compañía 51 da Unidade Militar de Emerxencias desprazáronse esta semana desde a sede do seu batallón en León ata as instalacións de Begonte para facer instrución nos montes próximos de loita contra incendios forestais antes do inicio da campaña.

O capitán Carlos Martínez, xefe da compañía, asegura que a instrución é básica, xa que ter xente instruída e con práctica antes da campaña de incendios, di, é un piar fundamental dentro da súa formación.

E para iso practican, neste caso, dous exercicios. O primeiro, o que chaman a defensa dun punto sensible, aquí, un transformador de enerxía eólica.

"Hai un transformador e o que facemos no simulacro é crear, ante unha fronte de lume que se aproxima, as condicións para que esa fronte de lume non afecte á instalación con retardantes, espumóxeno e zonas húmidas", explica o capitán.

A segunda situación que simulan é para o caso de vérense atrapados por unha fronte de lume.

"Daquela creamos unha manobra que se chama autoprotección, en que se crea unha barreira de auga que protexe o persoal e os vehículos desa fronte. O primeiro vehículo, que é un todo terreo que non ten autoprotección, queda dentro dunha burbulla do resto de vehículos que fan de paraugas para esoutro vehículo".

Os últimos incendios en que traballaron foron en Asturias o mes pasado, nun mes non habitual de incendios forestais. Por iso teñen que estar sempre preparados.

"Agardamos un verán difícil, pero aquí estamos para o que faga falta", sinala o capitán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade