Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detida unha xerocultora de Begonte por roubar xoias a persoas maiores na residencia

Detida unha xerocultora de Begonte por roubar xoias a persoas maiores na residencia

Aproveitaba coidados como a manicura ou a pedicura para cometer furtos con impunidade

Valíase da vulnerabilidade que tiñan moitas das vítimas debido ao seu estado cognitivo, factor que complica a investigación policial

Imaxes da xerocultura na residencia onsw traballaba (Garda Civil)
G24.gal 12/07/2024 15:57

Axentes da Garda Civil, no marco da operación Renur1, detiveron unha veciña da localidade lucense de Begonte, unha xerocultora de 46 anos, pola súa suposta implicación nun delito continuado de furto entre os anos 2023 e 2024 nun centro de maiores onde traballaba.

Segundo a información facilitada este venres pola Comandancia da Garda Civil de Lugo, a detida aproveitaba o seu cargo, que lle permitía un trato directo e próximo cos residentes, para roubarlles xoias de ouro e diñeiro en efectivo que ou ben levaban encima ou que gardaban entre as súas pertenzas.

Para iso, “valíase de accións rutineiras” propias do seu posto de traballo, explica a Garda Civil, para facerse con esas xoias. Aproveitaba coidados como a manicura e a pedicura “a residentes de avanzada idade e con problemas de saúde” para cometer os roubos con “certa impunidade”.

A operación policial, que contou coa estreita colaboración do persoal do centro de maiores, iniciouse por mor de varios furtos perpetrados o pasado mes de abril.

Iniciada a investigación, os axentes comprobaron que a sospeitosa realizara "numerosas vendas de xoias en locais de compravenda de ouro e metais preciosos" durante ese mes. Ademais, confirmaron que esas pezas “pertencían na súa maioría a residentes do centro”.

A investigación viuse dificultada debido ao estado cognitivo de moitas das vítimas, circunstancia da que se aproveitaba a traballadora, que se valía da súa vulnerabilidade para roubarlles o seu diñeiro e as súas xoias.

“Cabe destacar o dano moral causado aos prexudicados, porque aínda que as xoias non tiñan un gran valor económico, si o tiñan sentimental, ao ser na súa maioría recordos de toda unha vida”, precisa a Benemérita nun comunicado.

A detida foi posta ao dispor do titular do Xulgado de Instrución en funcións de garda de Lugo durante a mañá deste venres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade