Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha veciña de Ordes recupera nove décimos da lotaría de Nadal grazas ás redes

Unha veciña de Ordes recupera nove décimos da lotaría de Nadal grazas ás redes

Unha moza que os topou entregounos na Policía Local

G24.gal 09/12/2022 20:47 Última actualización 09/12/2022 21:00

Ana María Rodríguez perdeu nove décimos da lotaría de Nadal pouco despois de mercalos. Foi na rúa cando os sacou do peto para facerlles unha foto para mandala a un familiar.

"De camiño á casa parei en varios sitios. Cheguei á casa, fixen a comida, fun buscar o rapaz ao colexio e cando ía para o traballo revisei a chaqueta para deixar os décimos, e xa non os tiña", conta.

Así que decidiu volver facer o andado para ver se os atopaba, pero non tivo éxito. Volveu mercar outros e publicou o acontecido nas redes sociais. Ás poucas horas recibiu a boa nova.

"Ás dez da noite máis ou menos chamoume a Policía Local e dixéronme que se sabía que xa apareceran os boletos, díxenlle que non. Conseguiunos unha moza que leva a comunidade de veciños do edificio", relata Ana Rodríguez.

Ana María xa foi recuperalos ás dependencias da Policía Local. Agora quere compartir un pouco da súa sorte coa muller que os atopou regalándolle un dos décimos. Unha sorte que outros veciños tamén queren tentar porque na administración de lotaría xa teñen esgotado o número.

"Si, porque o das redes sociais é impresionante. Ela fixo a publicación e ao cabo de media hora empezou a vir xente e pedían o número que se perdeu porque igual é un sinal. Estivemos durante toda a tarde vendendo ese número", sinala a loteira.

Haberá que agardar agora ao 22 de decembro para sabelo, a ver se a sorte viaxa de novo a Ordes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade