Unha vintena de edificios ameazan con derrubarse en Chiva
Unha vintena de edificios ameazan con derrubarse en Chiva
A forza da auga danou as estruturas, sobre todo nos inmobles que dan para o barranco
O Concello pide axuda aos construtores para apuntalar vivendas afectadas
O Concello de Chiva pídelles axuda aos construtores para apuntalar vivendas afectadas pola riada. Calculan que son máis dunha vintena as que precisan intervención urxente. As máis afectadas son as que dan ao barranco, onde se derrubou a fachada dun histórico centro recreativo.
"Alertaron de que caera o edificio. O primeiro que fixemos foi desaloxar as vivendas, doce persoas en total", di Cristian Lacalle, tenente da Garda Civil de Chiva.
En Chiva caeron case 500 litros por metro cadrado. A forza da auga arrastrou os cimentos e os edificios que non caeron no momento ameazan con facelo a medida que pasa o tempo.
"Chegou a auga a un nivel que non chegara nunca". "Dá moita mágoa ver así un lugar que no verán irradiaba felicidade", comentan os veciños.
Os evacuados foron realoxados en casas de familiares e amigos da zona, pero, ante a previsión de novos desaloxos, están a habilitar espazos comúns e o Concello apela tamén á colaboración cidadá para acoller veciños provisionalmente.