Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unidade canina, aliados das forzas de seguridade

Unidade canina, aliados das forzas de seguridade

Pastor belga ou labrador son as razas coas que máis traballa esta unidade da Garda Civil

Alejandro Martínez Vélez / Europa Press
G24.gal 15/03/2025 13:30 Última actualización 14/03/2025 23:30

Os cans son aliados das forzas e corpos de seguridade. Poden salvar vidas en operacións de rescate e detectar explosivos ou drogas. O seu adestramento é continuo. Acompañamos a algunha destas patrullas caninas, tanto da Policía Nacional como da Garda Civil.

Unha delas é Marea, unha pastor belga de tres anos. Ela raña unha maleta mentres Cooper senta ao carón doutra na fita transportadora do aeroporto. Acaban de detectar droga no interior da equipaxe.

"Nós o que facemos é alternar o traballo operativo, tanto de búsqueda de droga aquí no aeroporto como no porto, ou coas unidades que se encargan do tema do narcotráfico, e tamén o adestramento", explica Francisco Varela, responsable do Grupo cinolóxico da Garda Civil.

Pastor belga ou labrador son as razas coas que máis traballa esta unidade da Garda Civil. Mais non son as únicas.

"Fai anos tivemos unha palleira. Era un animal fantástico. Son moi listos, avispados e traballadores. Nós collemos calquera tipo de can", indica Francisco Varela.

Xogo e obediencia son as claves que se empregan nos adestramentos para que dean o resultado agardado.

"Empezamos a xogar con el para activar o institno de caza.Tirámoslle a pelota ou un pau e volve. Pouco a pouco o cambiamos por outro tipo de estímulos asociados a un cheiro en particular e con iso vamos xogando. E iso ten que ser todos os días e durante moito tempo", sostén Francisco Varela.

A Unidade Especial de Guías Caninos da Policía Nacional percorre a estación provisional de trens da Coruña na procura de substancias estupefacientes. O can detecta unha persoa sospeitosa. É entón cando intervén a Brigada Móbil que se encarga da identificación, rexistro e a posible detención.

"As patrullas conxuntas de policía e guías caninos permiten por unha banda a axilidade e versatilidade que achegan os cans cuns controis moi selectivos, e por outra a inmediatez e a identificación que é necesaria para realizar os controis aos pasaxeiros e ás maletas", explica Miguel López, subinspector da Unidade Móbil da Coruña.

"Estanse intensificando este tipo de controis e é grazas a que os cans teñen un olfato moi desarrollado que permiten axilizar moito ese proceso e conseguir unha maior eficacia", indica Cristian Núñez, da Unidade Especial de Guías caninos da Policía Nacional.

Trátase dunha operativa xa habitual tanto en estacións de tren como de autobuses, aeroportos... A actuación conxunta das dúas unidades dótaas de maior grao axilidade e eficacia.

"Temos dúas especialidades, por un lado os cans de búsqueda de drogas, billetes e armas, por outro os de búsqueda de explosivos. Facemos ese servizo de búsqueda de explosivos sobre todo en sitios de moita confluencia de xente para evitar posibles riscos de atentados", sostén Cristian Núñez.

As unidades caninas tanto da Garda Civil como da Policía Nacional centran o seu labor na detección de explosivos e estupefacientes mostrándose eficaces nas tarefas de seguridade, prevención e loita contra a delincuencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade