Unións Agrarias cifra en máis de 65 millón as perdas no agro galego tras o paso de Kirk
Unións Agrarias cifra en máis de 65 millón as perdas no agro galego tras o paso de Kirk
A máis afectada foi a produción de millo: o vento forte estragou case 21.900 hectáreas
A primeira borrasca do outono deixa danos cuantiosos no agro galego. Unións Agrarias está realizando unha análise de urxencia por zonas, e cifra esas perdas en 65 millóns e medio. Especialmente na produción de millo, a máis afectada: o vento forte estragou case 21.900 hectáreas.
Kirk deixa unha resaca especialmente dura para os gandeiros de leite. A furia do vento e as intensas chuvias tombaron o millo e anegaron as leiras. E aínda quedaba máis da metade do cultivo por ensilar.
"Eu teño tres hectáreas, pero hai quen ten 15 hectáreas de millo sen recoller e agora está todo arrasado. Outro problema é que as máquinas non dan recollido o millo tombado", lamenta Juan Carlos Fuentes Bello, gandeiro en Oroso.
Malia que hoxe escampe haberá que agardar varios días de tempo seco para meter maquinaria pesada nos terreos onde aínda quedou millo de pé. Hai máis de 20.000 hectáreas de cultivo afectadas en toda Galicia.
"Son perdas moi importantes, non sei que vai ser de nós. Haberá que desfacerse dalgún animal, non van morrer de fame", explica o gandeiro.
Perder a colleita de millo supón un forte golpe na rendibilidade da granxas, posto que este é o principal alimento das vacas de leite. Aínda están a facer o balance, pero calculan que as perdas son millonarias.
As zonas máis prexudicadas son a Costa da Morte, Ordes e Trazo, na provincia da Coruña, e Cospeito e Vilalba, na de Lugo. Un grave prexuízo para os gandeiros, que apenas tiñan recollido a metade da produción de millo.
"Perdas moi importantes porque se non temos que darlles aos animais teremos que desfacernos dalgúns, non van morrer coa fame. Non son eu só, eu teño tres hectáreas, pero hai quen ten 15, 30 e máis, e ten todo sen recoller", explica Juan Carlos Fuentes, gandeiro de Oroso.