Uns 40 negocios viveirenses participan na campaña para recadar fondos para a romaría do Naseiro
Uns 40 negocios viveirenses participan na campaña para recadar fondos para a romaría do Naseiro
Os ramistas traballan nunha campaña de recollida de diñeiro a través dunha plataforma en liña
Este ano tamén vai haber romaría do Naseiro, ou polo menos a nova comisión de festas está decidida a que así sexa. Para facelo posible, puxeron en marcha unha campaña de recadación de fondos.
Son xa arredor de 40 os negocios de Viveiro que participan nesta iniciativa. Os veciños, e tamén os visitantes, teñen así a oportunidade de sufragar a romaría deixando cartos en caixas situadas nos establecementos colaboradores.
Lara Fernández, comisión de festas da romaría do Naseiro: "O Centro Comercial Histórico colaborou para facer a listaxe de comercios. A xente pode ir a estes establecementos e facer a súa achega. Pode parecer pouco un euro, pero para nós é moi importante".
Víctor Valenzuela, hostaleiro colaborador: "Apoiamos, dende logo, unha iniciativa como esta, aínda que haxa moi pouquiño tempo para levala adiante".
De xeito paralelo, os ramistas tamén traballan nunha campaña de crowdfunding a través dunha plataforma en liña. Todo con tal de manter vivo o espírito do Naseiro.
Lara Fernández, comisión de festas da romaría do Naseiro: "Imos ter tamén colaboracións de actrices, actores ou deportistas de renome, que nos axudan para unha poxa na plataforma e así recadar canto antes os cartos que precisamos".
Adrián Meitín, administrador de loterías colaborador: "Vai bastante apurado. Teñen bastante que facer. Entre orquestras, atraccións, organizar os campos e os permisos da Xunta, teñen que ir apurados".
Se todo vai conforme ao previsto, a Romaría do Bo Xantar celebrarase entre o 23 e o 27 de agosto.