Comeza o regreso á casa duns 1.000 veciños da Palma evacuados pola erupción volcánica
Comeza o regreso á casa duns 1.000 veciños da Palma evacuados pola erupción volcánica
As últimas medicións da calidade do aire que constataron que os niveis de gases diminuíron
Preto de mil veciños da Palma afectados pola erupción do volcán comezaron hoxe a volta ás súas casas. Tras as últimas medicións da calidade do aire que constataron que os niveis de gases diminuíron, o Pevolca autorizou que se liberasen 345 hectáreas pola zona norte da erupción que foran evacuadas.
Carmen e Jose Ángel son dous dos primeiros desaloxados de Los Llanos de Aridane en regresar á súa casa que abandonaron hai tres meses cando o volcán de Cumbre Vieja comezou a botar lava.
Daquela tiveron o tempo xusto de retirar roupa e mobles, polo que agora toca repoñer todo no seu lugar.
"Todo, sacouse todo, sacárono todo as persoas que nos axudaron. Sacouse todo e agora pois limpala e volver a facela o noso fogar que é o importante". Como eles, outros mil veciños dos concellos palmeiros de Los Llanos, El Paso, Tazacorte e Fuencaliente teñen permiso para regresar aos seus fogares que non quedaron danados pola erupción.
Iso si, deberán facelo respectando unhas mínimas medidas de seguridade."Que sempre teñan coidado ao abrir as vivendas, que as ventilen ben, que non baixen a zonas baixo rasante e que en todo caso extremen as precaucións. Que non estean sós, que vaian sempre acompañados, extremar as precaucións".
Nos próximos días o comité científico de seguimento da erupción fará unha proposta para deixar retornar máis veciños desaloxados, sempre que se poida garantir que a proximidade das coadas ás vivendas, a temperatura e os gases que desprenden non supoñen perigo ningún.