Os sindicatos ven "insuficiente" a reforma do subsidio por desemprego e a patronal critica as "présas" de Traballo

Comisións e UXT piden que a modificación que pretende aprobar o Goberno incremente máis as contías e as coberturas

O paro baixa en 24.573 persoas en novembro grazas ao sector servizos

A CEOE di que Traballo só lle deu tres días para analizar a reforma 

G24.gal 04/12/2023 21:07 Última actualización 04/12/2023 22:30

Os sindicatos Comisións Obreiras e UXT tacharon de "insuficiente" a reforma do subsidio por desemprego que pretende aprobar o Goberno, xa que aínda que consideran que as contías propostas melloran a situación actual, esa mellora non é suficiente e piden por iso aumentar as ditas contías e a propia cobertura.

"Cremos que é unha reforma parcial e insuficiente, imos facer propostas para mellorala dunha maneira clara e imos ver se o Goberno está á altura á hora de aceptalas e de abordalas", asegurou este luns o secretario de Políticas Públicas de Comisións Carlos Bravo, despois da reunión da mesa de diálogo social no Ministerio de Traballo.

Bravo sinalou que a proposta non elimina os baleiros na cobertura nin tampouco iguala o tratamento para os mozos e as mulleres na prestación por desemprego, afondando así na "discriminación".

Pola súa banda, o vicesecretario de Acción Sindical de UXT Fernando Luján sinalou que as contías propostas, tanto no seu nivel contributivo como no de asistencias, "non son suficientes" e propón que, no caso das primeiras, quen cotizou nos topes chegue ao salario mínimo interprofesional (SMI).

"Non parece razoable que, se dicimos que o SMI vén a cubrir as lagoas de suficiencia e de dignidade dun salario, a prestación máxima contributiva non chegue (a ese salario mínimo)", resumiu Luján.

Sobre a do nivel asistencial, sinalou que non só lle parecen insuficientes os 480 euros actuais, senón tamén os 600 euros que propón o Executivo, e indicou que desde os sindicatos queren chegar ao 50 % do salario medio.

A patronal, molesta polas présas de Traballo para reformar o subsidio

A CEOE mostrou o seu malestar porque o Ministerio de Traballo lle deu só tres días para analizar unha reforma do subsidio de desemprego cuxo texto "non está acordado dentro do Goberno", o cal considera "unha utilización do diálogo social".

Rematada a reunión deste luns para abordar este asunto, fontes da patronal queixáronse de que se queira facer esta reforma con présas "a pesar da súa transcendencia social e para o emprego", cando o Goberno tivo máis dun ano para preparala.

A formulación do Ministerio de Traballo pasa por mellorar a contía do subsidio durante o primeiro ano, cun esquema decrecente en que a axuda nunca baixaría dos 480 euros actuais, mentres que o Ministerio de Economía avoga por un modelo á baixa partindo deses 480 euros e recortando o período de cobranza de 30 a 12 meses.

Segundo a CEOE, a documentación achegada por Traballo non inclúe unha análise financeira das propostas. Ademais, sinala que non se atopa un enfoque que salvagarde cuestións de xénero ou que concrete como afectarán os cambios no ingreso mínimo vital. "En todo caso, faremos chegar as nosas achegas para orientar esta reforma a que estes subsidios estimulen a procura de emprego", engaden as mesmas fontes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos