Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nova xornada de vacinación masiva en Galicia para maiores de 85 anos

Nova xornada de vacinación masiva en Galicia para maiores de 85 anos

Os grandes recintos dispoñen de cadeiras de rodas e persoal de apoio para facilitar o proceso

As persoas convocadas poden agardar á segunda citación para recibir a cuarta dose nos centros de saúde

G24.gal 08/10/2022 12:21 Última actualización 08/10/2022 17:45

Segunda xornada de vacinación masiva para maiores de 85 anos. Os grandes recintos, reabertos este venres para administrar a cuarta dose, volveron rexistrar ringleiras dende primeira hora.

Na Cidade da Cultura hai convocadas 2.700 persoas para o sábado e outras tantas para o domingo. Teñen a opción de marchar para a casa tamén coa vacina da gripe posta.

Ante a avanzada idade do grupo citado, na entrada dos centros hai cadeiras de rodas e persoal de apoio. Tamén poden vacinarse sen baixar do coche.

"É unha vacina bivalente de Pfizer que combina a cepa orixinal e a da Ómicron", explica Eva Domínguez, enfermeira e coordinadora na Cidade da Cultura.

Do mesmo xeito, teñen a posibilidade de agardar á segunda volta para recibir a dose de reforzo nos centros de saúde. Moitas das persoas que se achegaron ao Gaiás descoñecían esta alternativa.

Dentro da normalidade

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegura que a administración da cuarta dose nos grandes recintos se está a desenvolver dentro da normalidade.

En resposta ás críticas da oposición, di que este método axiliza a administración masiva das vacinas, a da covid e a da gripe, e que os centros dispoñen de medios para que as persoas maiores con mobilidade reducida poidan acceder. 

"(O venres) Foi máis xente da que tiñamos citada e máis xente da prevista e iso reflicte o compromiso que as galegas e galegos teñen coa vacinación en xeral e en particular da covid. E como xa dixemos a todas aquelas persoas que por motivos de mobilidade non poidan acudir por suposto ofreceráselles máis pronto que tarde esa nova convocatoria para que non quede ningún galego desa franxa de idade sen vacinar". 

Ata o remate da fin de semana, a Consellería non fará o reconto total das persoas vacinadas estes primeiros días. A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, fai un chamamento para que a poboación acuda ante o aumento de casos da covid que se empeza a detectar. 

"O porque, é porque a incidencia acumulada, é dicir, o número de casos da covid está aumentando, non só en Galicia, en toda España. Por outra parte como vostedes saben hai numerosos estudos que indican que a diminución dos síntomas da covid e a diminución da hospitalización e a mortaldade é debida en grande medida á vacinación".

Nestes momentos, hai 1.684 persoas de risco coa infección activa e nas últimas horas notificáronse case 200 casos novos neste grupo de poboación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade