Vaga de roubos no barrio vigués de Coia atribuídos á banda de xeorxianos detidos en Lugo
O modus operandi é sempre o mesmo: pegan nas portas fíos de silicona e vixían as casas para roubar cando non hai ninguén
Este verán multiplicáronse os roubos en vivendas atribuídos a bandas organizadas de países do leste. O modus operandi é sempre o mesmo: pegan nas portas fíos de silicona e vixían as casas para roubar cando non hai ninguén.
A última denuncia puxérona os veciños dun edificio de quince plantas en Vigo. Os veciños desta torre de vivendas no barrio de Coia aínda están co susto no corpo. Polo menos cinco delas foron desvalixadas por un grupo de ladróns que marcaron previamente as portas con fíos de silicona para comprobar se estaban baleiras.
A policía sospeita que detrás destes roubos está unha banda itinerante de delincuentes xeorxianos con base en Madrid da que tres dos seus membros foron detidos hai unha semana en Lugo.
A volta das vacacións foi tremenda para algúns dos veciños deste edificio no barrio vigués de Coia. Os ladróns vixiaron a torre de quince pisos e marcaron as vivendas con fíos de silicona para controlar se entraba alguén.
"Penso que deberon de marcar o edificio enteiro, porque as marquiñas estaban en todas as portas. O que ocorre é que xente que vive ou está moi a miúdo, as marcas romperon, pero en cinco en concreto entraron, e a desfeita foi total", relata o presidente da comunidade de veciños.
Foron vítimas supostamente dunha banda criminal de xeorxianos que opera en toda España.
Rubén García Bermúdez, administrador do edificio: "Claramente eran profesionais polo modus operandi. Ninguén se deu de conta do tema, atacaron varias vivendas e con bastante discreción, porque os veciños non se decataron. Foi bastante sorprendente, porque é unha comunidade tranquila que polo perfil socioeconómico son familias traballadoras".
Hai uns días foron detidos en Lugo tres membros dunha banda da antiga república rusa aos que comisaron xoias roubadas na torre de Coia. Supostamente serían os mesmos que asaltaron varias vivendas na rúa Ricado Torres Quiroga, tamén en Vigo, do mesmo xeito e nas mesmas datas.