Vai ben a Economía?, por Maite Cancelo
OPINIÓN
Vai ben a Economía?, por Maite Cancelo
Mentres Carlos Cuerpo, ministro de Economía, Comercio e Empresa, saca peito das súas previsións macroeconómicas para este ano e o próximo, o Consello Xeral de Economistas de España (CXE) publicou o seu Barómetro económico do segundo semestre do 2024. No informe percíbese como os economistas son algo máis pesimistas que o ministro, sobre todo os máis novos, xa que case o 89 % anticipan un empeoramento da nosa economía. E, de novo, os factores que se apuntan como lastres para a nosa competitividade son a presión fiscal e o incremento dos custos salariais, factores moi prexudiciais, especialmente para os autónomos e as PEME. Ademais, sete de cada dez consideran que as novas reformas e impostos en sectores estratéxicos como banca e enerxía non son favorables para a nosa competitividade.
Sinalan, tamén, que son necesarias reformas estruturais e orzamentos aliñados coa realidade social e económica percibida. Pero non só é unha cuestión de percepción, ou si, xa que neste caso falamos de profesionais que traballan directamente levando a contabilidade, fiscalidade e outros aspectos a autónomos e PEME, co que é unha opinión fundamentada no seu traballo do día a día.
De feito, os concursos superan xa os 9.000, a cifra máis alta desde o ano 2013, cando aínda estabamos baixo a influencia da crise financeira do 2008. Como publica Expansión, a partir dese ano as insolvencias empresariais descenderon ata os 4.376 do ano 2020 e, a partir dese ano, volveron crecer ata os 9.015 do ano pasado.
A crise inflacionista, o encarecemento do financiamento, as cargas derivadas das subidas de impostos e de cotizacións sociais, ao que engaden a devolución dos créditos ICO concedidos na pandemia, son os factores que apuntan a este aumento dos concursos empresariais.
E posiblemente todo isto ten algo que ver coa esixencia do Ministro de Economía á súa homóloga de traballo de que a redución da xornada laboral se aplique entre os anos 2025 e 2026 e non de forma inminente, como pretende Díaz. A perda de competitividade das pequenas empresas está detrás desta moratoria e da aprobación de axudas para a contratación de novos empregados para facer fronte á redución da xornada.
Tamén expón unha menor subida do SMI do que pretende a titular de Traballo. Lembremos que desde o ano 2018 a revalorización acumulada foi do 54 %, o cal non foi en consonancia nin coa evolución da economía nin dos prezos.
En definitiva, as previsións de crecemento son boas, pero con moitas sombras, tal e como apuntan os economistas españois.