Valdeorras inicia a vendima máis temperá dos últimos anos
Valdeorras inicia a vendima máis temperá dos últimos anos
A recollida da uva adiántase entre 10 de 15 días, respecto doutros
En Valdeorras agardan que a produción sexa algo menor pero de boa calidade
A seca e a calor evita moitas pragas
As altas temperaturas deste verán converten agosto no mes de inicio da vendima. A recollida da uva estase adiantando este ano entre 10 de 15 días das datas que veñen sendo habituais.
Este verán tan caloroso acelerou a maduración da uva, un fenómeno que comeza a ser cada vez máis habitual en moitas zonas e os expertos achacan ao cambio climático.
En Galicia, Valdeorras inicia hoxe a vendima máis temperá dos últimos anos. Alí, Televisión de Galicia falou co técnica da adega Godeval, Ana Bartolomé, sobre a incidencia da seca e das altas temperaturas na produción deste ano.
Nesta adega de Valdeorras prevén unha mingua na produción, "non importantísima, pero si menos produción que outros anos máis húmidos". Calculan que recollerán "170 mil quilos de uva este ano nas 27 hectáreas" que teñen plantadas. Prevén unha redución na produción da uva godello de entre un 10 e un 15%.
Canto á calidade di que "de momento é unha incógnita, pero prevemos que non vai ser un ano complicado en canto a calidade. Estamos ante un cultivo que está preparado para aguantar situacións extremas".
A seca e o sol tamén é bo para a uva, di a técnica, "porque evita moitas pragas e os acios van chegar a adega con nivel de sanidade óptimo".
"Agardamos que sexa un ano de calidade e que o lembremos esta colleita como algo singular en Valdeorras", conclúe Ana Bartolomé.
As adegas prevén que as altas temperaturas se repitan polo que agora buscan "novos terreos que estean a máis altura e acheguen máis frescura a uva e tamén hai que adaptar os labores de traballo da viña", explica a técnica de Godeval.
Desde o consello regulador da D.O. Valdeorras aspiran neste ano atípico en manter a súa aposta pola calidade da súa uva Godello. E é pronto para falar de cantidades pero agardan manter os 4,7 millóns de quilos do ano pasado dos máis de sete que vén producindo a Denominación. A partir da semana que vén irán comezando coa vendima no resto de denominacións na provincia de Ourense, primeiro Monterrei e logo O Ribeiro e a Ribeira Sacra.