Valentín García: "A chegada de migrantes modificou a última enquisa sobre o galego"
Valentín García: "A chegada de migrantes modificou a última enquisa sobre o galego"
Segundo o secretario xeral de Política Lingüística, en cinco anos chegaron a Galicia 115.000 persoas que só usan o castelán
Asegura que o reto é converter o galego nunha lingua máis atractiva para a poboación que vén de fóra e para a mocidade urbana
O secretario xeral de Política Lingüsitica, Valentín García, considera que a última enquisa do Instituto Galego de Estatística (que reflicte que as persoas que falan castelán en Galicia superan ás que falan galego por vez primeira) é o resultado de dous fenómenos.
Un deles ten que ver con que as familias que viven nas cidades non lles están transmitindo o galego ás xeracións máis novas.
"Existe un déficit do seu uso, sobre todo se falamos de contornos urbanos, que cada vez medran máis en detrimento dos núcleos rurais, onde o galego sempre estivo máis forte", subliña Valentín García.
Outro dos fenómenos que explican o predominio do castelán débese á chegada de persoas estranxeiras. "É a principal novidade desta enquisa. Nos últimos cinco anos viñeron de fóra 115.000", apunta.
"Son persoas que, afortunadamente, decidiron vivir aquí pero que, dende o punto de vista lingüístico, a gran maioría decide instalarse no castelán. Teñen o castelán como única lingua e iso é o que modifica os datos da enquisa dos últimos cinco anos".
Para cambiar esa tendencia, "cómpre pór en marcha campañas que melloren a sensibilidade destas persoas cara á nosa cultura e á nosa lingua. Hai que facelas atractivas. Estamos falando de xente que, moitas veces, vén de latitudes moi distantes á nosa", apunta.
Con este obxectivo, a Xunta vén de anunciar a campaña Saca a lingua que levas dentro, con máis dun cento de cursos de formación que se porán en marchar a partir do ano que vén.
Tamén está en marcha o portal Neofalantes. gal, "para que os novos falantes descubran a riqueza de manexarse en varias linguas. O plurilingüismo sempre é unha riqueza, nunca é un problema".
A mocidade e o galego
Valentín García sostén que na actualidade o 98 % da poboación galega entende o galego, o 96 % sábeo falar e o 84 % sábeo escribir.
"As competencias en galego son elevadísimas, coma nunca antes. Son porcentaxes que non ten practicamente ningunha outra lingua cooficial".
O secretario xeral de Política Lingüística sostén que o problema do galego non está nas aulas, xa que existe un decreto que regula o uso do galego e do castelán que o profesorado cumpre. Valentín García considera que o problema coa nosa lingua está á hora de socializar.
"É importante incidir en que o problema co galego témolo co uso, non coas competencias. Pero se as temos e non as usamos... Ese é o gran labor, a gran materia pendente, sobre todo coa xente nova".
E neste punto, Valentín García pon o foco en introducir o galego nas novas tecnoloxías e no lecer.
"Temos que ir ás actividades extraescolares, ao tempo de ocio. Temos que ir ás novas tecnoloxías, ás redes sociais, aos contornos xerados coa intelixencia artificial. Aí é onde a xeración máis moza crea o seu propio universo e a súa forma de relacionarse".
O prestixio do galego
Malia o pouco uso do galego entre a mocidade e a poboación foránea, asegura que o prestixio da nosa lingua propia medrou nas últimas décadas.
"Hai unha situación que hai anos era impensable: premios nacionais de literatura en galego, música en galego que triunfa nos festivais, en plataformas de ámbito internacional... E o audiovisual é outro éxito na nosa cultura e da nosa lingua".
Con todo, o secretario xeral de Política Lingüística recalca que falta moito por facer, sobre todo en eidos como na administración ou nos medios de comunicación, onde o galego aínda non ten esa presenza desexable.
"Temos que buscar espazos de consenso. Unha lingua é o que unha sociedade que a fala quere que sexa... E temos que ter esa conciencia de que a lingua é responsabilidade de todos", salienta.