Publicador de contidos
Publicador de contidos

Varias orquestras buscan chofer para os seus tráilers

Varias orquestras buscan chofer para os seus tráilers

Cústalles atopar condutores para levar os camións dos espectáculos

"É un reto meter un tráiler de 40 toneladas nalgúns campos da festa", di o condutor dos Satélites

 

 

G24.gal 24/01/2025 14:30

Poden poñer a bailar prazas ateigadas, ou que un anxo levite sobre o escenario. Pero o verdadeiro milagre para algunhas orquestras é atopar condutores. 

"Non hai porque é un traballo moi sufrido no que botas moitas horas fóra da casa, e sobre todo implica traballar de noite, ao contrario dun traballo normal", explica Laura Añón, que foi cantante e condutora de orquestra.

A París de Noia logrou cubrir dúas vacantes cun anuncio que se viralizou nas redes. Pero a busca continúa noutras formacións.

"Os requisitos que pedimos na nosa oferta de traballo é que teñan os carnés para este tipo de vehículos e tamén que axuden nos traballos de montaxe do escenario", di César Romero, cantante da Orquestra Cinema.

Ademais do carné cómpre ter algo de espírito verbeneiro para aguantar o ritmo, e unha habilidade especial para manobrar con pouca marxe.

"Xa non é conducir, é chegar ao campo da festa e ter que meter un camión nun espazo moi reducido sorteando árbores ou cruceiros nas prazas", comenta Laura.

"Levas un tráiler de 40 toneladas, non está preparado para unha leira de patacas, un prado ou un camiño de terra onde ás veces te metes para o lugar da festa. Un condutor de orquestra está listo para o que lle boten", engade Francisco Javier Saavedra, director, trombonista e condutor dos Satélites.

A selección segue aberta, porque xa queda menos para o verán e a festa precisa quen a transporte alí onde a chamen.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade