Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha vaga de incendios simultáneos deixa 19 vítimas mortais en Chile

Unha vaga de incendios simultáneos deixa 19 vítimas mortais en Chile

O presidente, Gabriel Boric, decretou o estado de excepción por catástrofe para mobilizar os recursos necesarios

G24.gal 03/02/2024 09:19 Última actualización 03/02/2024 17:08

Unha vaga de incendios simultáneos na rexión central de Valparaíso, a 100 quilómetros ao leste de Santiago de Chile, deixa polo menos 19 persoas falecidas. Segundo confirmou a ministra do Interior, Carolina Tohá, 15 das vítimas están identificadas.

Ao fío da medianoite, o presidente, Gabriel Boric, decretou o estado de excepción por catástrofe na rexión de Valparaíso, o que lle permite mobilizar recursos de xeito máis rápido para facer fronte ao lume.

"A situación dos incendios forestais especialmente na quinta rexión é moi difícil polas temperaturas e ventos, pero saiban que estamos despregados ao máximo das capacidades para enfrontar a emerxencia", engadiu o mandatario.

Polo momento, establécese o toque de queda desde as 8:00 ata o mediodía do sábado en varias localidades da rexión. As autoridades estiman que hai un milleiro de vivendas afectadas.

Os incendios coinciden cunha das vagas de calor máis intensas dos últimos anos, con temperaturas que roldan os 38 graos na zona central.

Pola simultaneidade dos lumes, a ministra Tohá dixo que se sospeita da súa "intencionalidade" e alertou dunha nova suba das temperaturas nas vindeiras horas.

Chile viviu o ano pasado a vaga de incendios máis mortífera da súa historia, que deixou 27 persoas falecidas e miles de vivendas destruídas en rexións do centro-sur do país.

Calor e monocultivo

As voces expertas consideran que nesta situación inflúe, ademais da calor fóra do normal, o modelo forestal baseado no monocultivo de piñeiro e eucalipto.

Aínda que Chile viviu un dos invernos máis chuviosos dos últimos 15 anos, a seca non desapareceu e o desenvolvemento de vexetación fina e morta na zona centro-sur facilita a combustión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade