Unha nai e tres dos seus fillos falecen no incendio dun edificio en Vigo
Unha nai e tres dos seus fillos falecen no incendio dun edificio en Vigo
Da familia conseguiron salvarse o pai e a outra nena de 8 anos, que están en estado grave
Os Bombeiros de Vigo remitiron ao Concello da cidade varios informes advertindo do mal estado do inmoble, que tiña unha denuncia de ocupación
Vigo decreta tres días de loito | Cinco dos nove feridos están na UCI
Un incendio nun edificio de Vigo na madrugada deste mércores deixou catro mortos dunha mesma familia, unha nai e tres fillos menores de idade, ademais de nove feridos, entre os que se atopan o pai e o seu bebé, ao que salvou a vida.
As lapas comezaron arredor das catro da madrugada no número 6 da rúa Afonso X e quedaron sufocadas arredor das sete.
As catro persoas falecidas eran unha muller de 30 anos e tres dos seus fillos, Ezequiel, Aldara e Sara, todos eles de idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos, segundo os seus veciños.
Da familia conseguiron salvarse a máis pequena e o seu pai, grazas a que este meteuna no interior da camiseta e saíu pola xanela, de cuxa cornixa estivo colgado polo menos quince minutos ata que ambos foron rescatados polos bombeiros.
A familia vivía no cuarto piso do edificio de cinco plantas e 30 vivendas, moitas delas ocupadas, sempre segundo os veciños. A orixe do lume puido estar nunha moto que estaba aparcada na entrada do inmoble.
O caso lévao o Xulgado de Instrución número 1 de Vigo, en funcións de garda. A comitiva xudicial desprazouse ata o lugar dos feitos para proceder ao levantamento dos cadáveres,.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, confirmou que os catro falecidos perderon a vida por inhalación de fume e expresou a solidariedade do Executivo central cos afectados.
O delegado sinalou que a Policía científica está a investigar as causas deste incendio e non determinou se foi provocado, como sosteñen os veciños. "A Policía Científica está a traballar e aventurar calquera tipo de conclusión de causa inmediata sería dicir algo que non corresponde neste momento", indicou.
Revelou que "parece que hai un mes a propiedade" do inmoble "puxo en coñecemento do xulgado que estaba ocupado".
Os veciños describen a familia afectada como “superalegre” e sospeitan dun antigo veciño que vivía no quinto e que foi desaloxado hai un mes. Este home, cando o botaron, supostamente dixo: “Se aquí non vou vivir eu, non vai vivir ninguén”.
Os problemas con este veciño comezaron porque existía un proxecto para unificar as vivendas do quinto, onde el vivía, que foron posteriormente tapiadas, o que non impediu que fosen ocupadas de novo.
O edificio tiña cortada a auga, da que os veciños se aprovisionaban pola súa conta, así como a luz, aínda que algunhas vivendas estaban enganchadas ilegalmente á subministración.
De feito, fontes dos servizos sanitarios que interviñeran polo menos dúas veces no edificio, descríbeno como un “desastre” que “daba medo”, con cables descendendo polas zonas comúns para ser enganchados ilegalmente e con escaleiras a piques de vir abaixo.
Os bombeiros remitiron varios informes ao Concello por senllas intervencións anteriores, con conatos de incendio, os cales foron postos este mércores en mans da Científica, que investiga o suceso.
O último deses conatos produciuse fai algo máis dun mes, ao mediodía, sen maiores consecuencias, aínda que con desaloxos, e serviu para poñer de novo de manifesto que “estaba bastante mal o edificio”.
Da situación deste vecindario xa lles informabamos o pasado día 30 de agosto no Galicia noticias. Daquela, os veciños denunciaban importantes problemas de convivencia cos ocupantes ilegais do inmoble.
No inmoble, segundo denuncian varios veciños do propio edificio e da zona, se trapicheaba con droga.
Cinco feridos na UCI
Seis persoas continúan ingresadas nos hospitais galegos con lesións de diversa consideración. Catro están na Unidade de Coidados Intensivos do hospital Povisa de Vigo, referente para queimados da área. Un deles en estado moi grave e tres estables dentro dea gravidade. Aí está a parella e pai dos catro falecidos no incendio.
Foi trasladada ao Materno Infantil da Coruña unha nena de 8 anos, irmá dos pequenos falecidos, con queimaduras de terceiro grao. Ata a UCI pediátrica trasládanse os especialista da Unidade de Queimados para atendela. Outras dúas persoas, feridas leves, foron dadas de alta nas últimas horas no hospital Álvaro Cunqueiro.
Entre os feridos estaba tamén un dos bombeiros de Vigo que participou no operativo, que xa recibiu a alta no hospital.
Vigo declara tres días de loito oficial
O Concello de Vigo declarou tres días de loito oficial.
"A nosa consternación e a nosa dor polo falecemento de catro persoas, tres menores e unha adulta no incendio en que quedaron feridas varias persoas. O noso máis sentido pésame ás familias", escribiu o alcalde, Abel Caballero, nas súas redes sociais.
◼️ A nosa consternación e a nosa dor polo falecemento hoxe de catro persoas, tres menores e unha adulta, no incendio no que resultaron feridas varias persoas. O noso máis sentido pésame ás familias.
— Abel Caballero (@abelcaballero) October 11, 2023
◼️ Declaramos 3 días de loito oficial e as bandeiras ondearán a media hasta. pic.twitter.com/t8TSRZZRI8
En primeiro edil vigués, que estivo na zona de madrugada, confirmou que se decretaron tres días de loito oficial e que as bandeiras ondearán a medio mastro.
Rueda mostra a súa desolación por incendio en Vigo e pide aclarar "todas as circunstancias"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrou a súa "consternación" polo incendio, á vez que mostrou o seu "desexo de que se esclarezan todas as circunstancias e antecedentes" acerca do ocorrido.
En conferencia de prensa posterior ao Consello, Rueda enviou o seu apoio ás familias afectadas e aos feridos atendidos en hospitais. "Oxalá que unha cousa así non volva nunca máis a suceder", afirma.
Preguntado polas causas, o presidente explicou que o lume tivo lugar hai "moi poucas horas" , polo que a preocupación neste momento é "atender aos feridos", aínda que "chegará un momento que haberá que velo".
"Empezan a aparecer noticias, parece que informes de bombeiros tamén, posibles avisos", apunta, pero nestes momentos están "preocupados noutras cousas", xa que "tempo haberá" para as "causas" e "antecedentes". "Neste momento non procede", opina, "con independencia de que debe ser aclarado sen ningunha dúbida".
Minuto de silencio no Parlamento
O pleno do Parlamento arrincou este mércores cun minuto de silencio en memoria das vítimas mortais do incendio desta madrugada en Vigo.
No minuto de silencio participaron todos os parlamentarios e tamén a totalidade do Goberno galego que asistía á sesión plenaria da última xornada do debate do estado da autonomía.
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, pediu a todos gardar un minuto de silencio e mandou todo o “apoio e afecto” ás familias das vítimas mortais.
Ademais, desexou unha “pronta recuperación" a todos os afectados. "A verdade é que é unha desgraza que entristece moito a nosa comunidade”, sinalou o xefe do lexislativo galego.