Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vázquez: "A Xunta presenta o recurso da Lei de Costas para manter a actividade económica e garantir o emprego"

Vázquez: "A Xunta presenta o recurso da Lei de Costas para manter a actividade económica e garantir o emprego"

A lei elimina a posibilidade de prórroga extraordinaria das concesións de actividades económicas

As concesións pasaron dun máximo de 75 anos ata que en agosto volveu modificarse e agora non poden exceder dos 30 anos

G24.gal 21/10/2022 09:48

A Xunta vai recorrer diante do Tribunal Supremo a modificación do regulamento da Lei de Costas aprobada polo Goberno central este verán, no mes de agosto. Confirmábao este xoves o presidente do Goberno galego. Apuntaba Alfonso Rueda que os servizos xurídicos do executivo autonómico cren que a lei invade competencias galegas.

Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, estivo esta mañá no informativo Bos días, onde participou nunha entrevista.

Sobre os prazos que se barallan, Vázquez manifestou que "son inminentes" porque xa se esgotou o tempo para manter un diálogo fluído co Ministerio de Transición Ecolóxica. Manifestou que non foi posible e que "non queda outra que recorrer porque non podemos quedar cos brazos pechados".  Confirmou que o recurso presentarase a próxima semana.

Os prexuízos e perdas xa se están a constatar tal e como lles aconteceu aos propietarios dos terreos no litoral de Muros que en agosto lles chegou a notificación do cambio de titularidade dos mesmos ao Estado. 

"O 1 de agosto recibiamos a noticia de que se aprobaba un real decreto que modificaba a Lei de Costas, e dende o ano 2018 o Goberno vén con esta teima. É unha teima de carácter ideolóxica onde pretende ter en Galicia unha costa totalmente libre, iso quere dicir que en dominio público marítimo-terrestre non se pode levar ningún tipo de actividade", afirmou a conselleira.

As concesións pasaron dun máximo de 75 anos ata que en agosto volveu modificarse e agora non poden exceder dos 30 anos. Ánxeles Vázquez dixo que "non podiamos imaxinar este cambio e que xa hai empresas, como as conserveiras, que xa teñen que marchar". Manifestou que non se están a contestar as prórrogas porque o secretario do Estado confirmou que ata que non estivera aprobado o real decreto non as ía contestar.

"Isto quere dicir que xa hai 18 empresas que non van ter prórroga en Galicia e que isto supón moitos postos de traballo, pero tamén un abandono desa instalación", remarcou Vázquez.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que se basean nun estudo estratéxico que di que na costa galega, ao igual que na española, non pode haber ningún tipo de edificación no 2045. Cre que se trata dun ataque directo a Galicia e que non se pode lexislar dende unha cadeira sen coñecer a singularidade desta comunidade.

Rueda anunciou que tamén van pedir a nulidade dese regulamento. Son unhas 4.000 as edificacións afectadas en todo o litoral galego. Entre elas hai 232 empresas, 59 lonxas, dez centros de saúde, sete cámpings e seis cemiterios, entre outras instalacións deste tipo.

O presidente da Xunta entregoulle a Pedro Sánchez un informe do Consello Consultivo e aínda non obtivo resposta. Sobre isto, Vázquez dixo que "hai un mutismo total e non podiamos lanzarnos a lexislar sen estar amparados" e que xa se fixeron 81 achegas que van enriquecer o texto.

Sobre se podería haber un conflito de competencias entre Xunta e Goberno, Vázquez cre que "non pode habelo porque así está recoñecido no Estatuto". Manifestou que "agora hai unha grande inseguridade xurídica porque as empresas teñen concedidas subvencións que non se están levando a cabo". Confirmou que antes de que remate o ano o texto da lei estará articulado e entre o primeiro e segundo trimestre de 2023 ter a Lei de Ordenación do litoral galego aprobada.

Lobo

Durante a entrevista tamén se abordou o tema dos ataques do lobo que lles está a afectar aos gandeiros galegos. Vázquez manifestou que a Xunta triplicará en 2023 no orzamento as axudas de prevención fronte ao lobo, ata acadar os 1,3 millóns de euros. Manifestou que en Galicia hai máis lobos que en Portugal e Francia  e cre que "hai que seguir protexendo ao lobo, pero que iso non quere dicir que desprotexamos o gandeiro". 

Vivenda

Xa para rematar, abordouse o tema da vivenda. Nese sentido, Vázquez afirmou que "intentan chegar a todo o mundo e axudar a aquelas persoas que teñen dificultades para pagar o alugueiro". Destacou que sairá unha convocatoria importante antes de que remate este 2022. Por outra banda, manifestou que a Xunta avalará o 20 % da compra de vivenda a mozos menores de 36 anos e que Galicia contará con 1.200 novas vivendas públicas de cara ao próximo ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos