Veciños de Vila de Cruces reparan os danos provocados pola treboada e sarabiada do domingo
Veciños de Vila de Cruces reparan os danos provocados pola treboada e sarabiada do domingo
A chuvia causou asolagamentos e a sarabia deixou danos en vivendas e estragou colleitas
En Vila de Cruces aínda están reparando os danos provocados polas treboadas do domingo. Nunha das parroquias máis afectadas, en Oirós, a intensa chuvia provocou asolagamentos e a sarabia causou danos en vivendas e estragou colleitas, especialmente nas hortas.
As imaxes gravadas polos veciños de Oirós, en Vila de Cruces, o domingo á tarde non dan lugar a dúbida. Foi unha das peores treboadas e sarabiadas que lembran na zona.
As estradas convertéronse en ríos. Os desaugadoiros non deron abasto e a auga provocou asolagamentos en varias vivendas. Dous días despois, nalgunhas pistas aínda quedan vestixios das escorrentías: pedras e lama que arrastrou a auga.
Pero ademais da chuvia intensa, a sarabiada causou danos en vivendas e no campo. Xosé, veciño da parroquia, amosaba aínda este martes á mañá os efectos devastadores do pedrazo na súa horta.
Nalgunhas estradas dependentes da Deputación, as brigadas de obras xa limparon as gabias, noutras pistas foron os veciños os que tomaron a iniciativa para evitar que se repita a desfeita se volve chover.