Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños dos Blancos asisten a un curso sobre caixeiros automáticos

Veciños dos Blancos asisten a un curso sobre caixeiros automáticos

Non levar o número pin na carteira ou evitar combinacións de números demasiado sinxelas son algunhas das recomendacións que recibiron os participantes do curso de capacitación dixital

Tamén os advirten contra as fraudes a través de Internet

G24.gal 17/06/2024 14:24

Da trintena de persoas asistentes a esta sesión formativa sobre o uso das tarxetas bancarias só media ducia levantan a man cando lles preguntan se as empregan habitualmente.

"É unha vantaxe, nos comercios e para sacar cartos no caixeiro, pero Internet non uso". "Eu teño os netos, que manexan, pero a min non me entra". "Eu non uso nin caixeiro nin nada. Iso faino todo a miña filla", sinalan varias participantes.

O medo ás fraudes está detrás desta desconfianza.

"O que máis me preocupa é que me collan o número secreto". "Teño medo de meter mal..., non quero". "E despois que, o das denuncias non me cadra moito, porque eu sei de xente que denunciou e non lle deron nada", comentan dous veciños.

Precisamente ese é un dos cabalos de batalla destes cursos de capacitación dixital que están impartindo en concellos do rural, onde as oficinas foron substituídas por caixeiros.

Mateo Alonso San Román, coordinador de Banca Institucional de Abanca en Ourense: "Non levar pegado o número segredo na tarxeta, poñer números máis complexos e non fáciles de recordar, como datas de nacemento, etc".

Tamén lles ensinan que os caixeiros teñen máis utilidades que a de sacar cartos, desde facer ingresos a pagar recibos.

"Moito non aprendín, pero algo quedoume claro: cambiar o número cada dous ou tres anos. Voullo comentar a meus fillos e fareino", conclúe unha veciña.

Este curso, no concello ourensán dos Blancos, está promovido por Cáritas, no seu plan de atención ás persoas maiores no rural.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade