Publicador de contidos
Publicador de contidos

Varios países da UE piden a publicación das actas dos comicios en Venezuela

Varios países da UE piden a publicación das actas dos comicios en Venezuela

Milleiros de persoas reclaman a vitoria de Edmundo González Urrutia nos comicios presidencias

Partidarios do chavismo saen á rúa en defensa de Nicolás Maduro, que consideran gañador lexítimo

Nicolás Maduro este sábado en Caracas. REUTERS/Maxwell Briceno Nicolás Maduro este sábado en Caracas. REUTERS/Maxwell Briceno
G24.gal 04/08/2024 08:10 Última actualización 04/08/2024 08:42

España, Italia, Francia, Alemaña, Países Baixos, Polonia e Portugal asinaron unha declaración conxunta na que lle piden "ás autoridades venezolanas que publiquen sen demora todas as actas de votación co fin de garantir a plena transparencia e integridade do proceso electoral".

No texto, promovido este sábado por Italia e Francia, expresan a "profunda preocupación pola situación en Venezuela tras as eleccións presidenciais do pasado domingo".

"Facemos un chamamento ás autoridades venezolanas para que publiquen sen demora todas as actas de votación co fin de garantir a plena transparencia e integridade do proceso electoral".

Mentres, nas rúas de Caracas e outros puntos de Venezuela milleiros de persoas manifestábanse contra o resultado oficial das eleccións presidencias do pasado 28 de xullo ofrecido polo Consello Nacional Electoral (CNE), que lle dá a vitoria a Nicolás Maduro.

Convocadas pola opositora Plataforma Unitaria Democrática, denuncian a fraude que, na súa opinión, cometeu o Goberno chavista no reconto das papeletas. A dereitista inhabilitada María Corina Machado encabezou a marcha na capital.

Tres horas máis tarde saían ás rúas de varias cidades venezolanas os partidarios do chavismo gobernante, apoiando a Nicolás Maduro, ao que eles consideran lexítimo gañador dos comicios co 51,95 % dos votos, fronte o 43,18 % que conseguiu Edmundo González Urrutia.

Detencións nas protestas

Ante os seus simpatizantes, o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, anunciou a detención de 2.000 persoas nas distintas marchas e concentracións convocadas pola oposición. 

"Temos 2.000 presos capturados e de aí van para (os cárceres) Tocorón e Tocuyito, máximo castigo, xustiza. Esta vez non vai haber perdón, esta vez o que vai haber é Tocorón", dixo o mandatario.

Protestas noutros países

A poboación venezolana noutros países tamén protestou este sábado contra os resultados oficiais. Houbo manifestacións en España, Miami (os EUA), Arxentina, Panamá, República Dominicana, Honduras, Ecuador, México, O Salvador, Perú, Costa Rica, Paraguai, Chile e Colombia.

A opositora María Corina Machado nas rúas de Caracas. REUTERS/Leonardo Fdez. Viloria A opositora María Corina Machado nas rúas de Caracas. REUTERS/Leonardo Fdez. Viloria
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade