A mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta en lingua de signos
A mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta en lingua de signos
Dende o Pazo de Xelmírez, sede histórica do Parlamento, o presidente da Xunta reivindicou a política das solucións fronte o ruído que ameaza a unidade e a igualdade
No seu segundo 31 de decembro á fronte do Goberno galego, destacou logros colectivos como a vacinación infantil ou a educación gratuíta
O recoñecemento ao compromiso dos galegos, a aposta pola igualdade e a unidade, e a confianza nun futuro de retos compartidos foron as liñas mestras da mensaxe de Fin de ano do presidente da Xunta.
Alfonso Rueda está seguro de que 2024 será “un grande ano para Galicia”, pero o optimismo non lle impide reparar en que “existen riscos que ameazan o marco constitucional que todo este tempo amparou o progreso”. Tamén “os lazos de fraternidade que nos unen e a credibilidade do marco legal que nos protexe, que non deberían estar xamais en negociación”.
O presidente lembrou que nada disto “nos veu regalado” e que “cómpre defendelo cada día” coa mesma “ilusión” que os precursores da Galicia autonómica, que hai máis de 40 anos se reunían no Pazo de Xelmírez, en Santiago.
Dende ese simbólico espazo, Rueda celebrou que “neste 2024, Galicia escollerá en liberdade e con plena autonomía o seu camiño para os próximos anos”. O presidente chama a facelo a través do “debate construtivo”.
Reclama “que non se engada ruído” porque, “aínda que noutros lugares pareza algo excepcional, a política en Galicia non ten por que ser unha fonte de novos conflitos”, senón unha “ferramenta para atopar solucións”.
Rueda está convencido de que “son moitos os motivos para sentirnos orgullosos da Galicia na que vivimos”. Unha comunidade “aberta”, “líder en enerxías limpas”, “coa Universidade máis económica”, onde a “Formación Profesional demostra gañar en fortaleza cada día”, “coa educación gratuíta dende que se chega gateando ata que se sae co primeiro título debaixo do brazo” ou “co calendario de vacinación máis completo” do mundo. Como tamén é “motivo de moito orgullo” para o presidente “a capacidade de superación que sempre demostrou o noso pobo”.
Con todo, Rueda non esquece que “aínda nos queda moito por facer”. “Temos que seguir mellorando a Sanidade pública”, con máis tecnoloxía e menos tempos de espera, “arroupar á xente maior e, por suposto, ás súas familias”, “redobrar a aposta polo I+D+i” e “eliminar as situacións cotiás nas que, por desgraza, aínda perduran o machismo e as desigualdades”, engadiu.
Porque, en palabras do presidente da Xunta, “Galicia non ten máis límites que os que nós mesmos nos queiramos impoñer”. Está convencido de que somos capaces de “ofrecer moitas máis oportunidades á xente moza” e que podemos transformar en “certezas” e “esperanzas” as “incógnitas” dos que máis padecen “os rigores da situación económica”.
A Xunta vai seguir traballando, concluíu, para que Galicia continúe “madurando, avanzando e prosperando grazas ao conxunto dos galegos”.