Versións económicas diverxentes do PP e o PSOE na campaña andaluza
Versións económicas diverxentes do PP e o PSOE na campaña andaluza
Núñez Feijóo sostén que a inflación e o prezo da enerxía afogan a economía de millóns de españois
Desde o PSOE, María Jesús Montero salienta as boas cifras do paro e a economía social do Goberno
A estratexia do Partido Popular pasa por evitar a desmobilización dos posibles votantes cando as enquisas os dan como gañadores. O candidato, Juanma Moreno Bonilla, estivo na celebración do Rocío, onde coincidiu cos cabezas de cartel do PSOE e Ciudadanos.
Mentres, Núñez Feijóo vsitaba a cooperativa Covirán en Granada e alí falaba dos problemas económicos dos españois:
"Millóns de españois teñen enormes dificultades para chegar a fin de mes e onde máis o notan é no prezo da compra, é no prezo da luz, é no prezo dos carburantes. A gasolina está en máximos históricos, a luz e o gas convertéronse en bens de luxo".
No PSOE a liña estratéxica xira arredor da súa condición de partido gañador durante décadas en Andalucía e en destacar os logros do Goberno central.
A ministra María Jesús Montero salientou que o PSOE é un referente na ampliación dos dereitos para as mulleres e nunha política económica de rostro humano:
"É mentira que a dereita xestione ben, é mentira que xestione ben a economía. Todo o contrario. Son os gobernos de progreso, é o goberno socialista o que ten a capacidade realmente de gobernar pensando na xente, porque se trata de crecer, pero crecer para todos, non para uns cantos".
O candidato de Ciudadanos, Juan Marín, sostén que seguirán a ser importantes porque ninguén terá capacidade de gobernar en solitario. Mentres, desde a coalición Por Andalucía din que os andaluces "non poden resignarse" a un goberno de Moreno Bonilla, xa que "a xente de esquerdas suma máis".