Vetan a pesca no encoro de Vilagudín tras un novo episodio de morte de gaivotas
Vetan a pesca no encoro de Vilagudín tras un novo episodio de morte de gaivotas
O ano pasado e hai seis anos a Xunta tamén prohibiu a pesca pola aparición de aves mortas na contorna do encoro
A Xunta vedou a pesca no encoro de Vilagudín, no concello de Ordes, que limita con Tordoia e Cerceda, debido á morte de numerosas gaivotas enfermas no lugar.
Así, tómase esta decisión ata que "se determinen as causas do episodio e o seu impacto" sobre a fauna e o estado do medio acuático. En caso de ser necesario, a veda manterase ata a entrada en vigor da normativa de pesca continental da tempada de 2023.
Así figura na resolución publicada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, no Diario Oficial de Galicia (DOG) este xoves.
O 29 de agosto pasado, recibiuse un aviso por mortaldade de aves na contorna do encoro. Ata o lugar, desprazouse persoal da Consellería de Medio Ambiente, que recolleu 27 exemplares mortos e un vivo de gaivota patiamarela que foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros para a toma de mostras.
Novas inspeccións realizadas diariamente desde aquela atoparon máis casos de gaivotas mortas ou con síntomas de enfermidade.
Este episodio repite o acontecido no mesmo lugar o ano pasado polas mesmas datas, e con anterioridade hai seis anos, cando a Xunta tamén decidiu prohibir a pesca no encoro.