Vigo celebra o pleno da aprobación do PXOM no medio de protestas
Vigo celebra o pleno da aprobación do PXOM no medio de protestas
Afectados pola vía PO-010 e traballadores de Vitrasa concentráronse ás portas da casa consistorial
Concentración de CIG polo futuro da automoción
O novo PXOM foi aprobado inicialmente só cos votos dos socialistas
A norma urbanística substitúe a aprobada en 2008, que foi anulada en 2015
Afectados pola construción da vía PO-010 das parroquias de Beade, Bembrive, Sárdoma e Castrelos, así como traballadores de Vitrasa, a empresa concesionaria en folga indefinida desde hai 34 días para reclamar a negociación do convenio colectivo, levaron este xoves as súas protestas ante o Concello de Vigo, onde esta mañá se debateu a aprobación provisional do novo Plan xeral de ordenación municipal (PXOM).
O acceso ao edificio consistorial permanece valado e custodiado por axentes da Policía Local de Vigo e as concentracións discorreron sen incidentes. A maioría absoluta dos socialistas na corporación permitiu dar luz verde ao documento urbanístico. O PP abstívose e o BNG votou en contra.
No intre en que o alcalde, Abel Caballero, proclamaba o resultado das votacións, varios traballadores de Vitrasa comezaron a intervir desde o seu asento entre o público para trasladar as súas reivindicacións laborais, nomeadamente nas materias de salario e de horarios. O rexedor pediulles silencio porque "estaban a interromper un pleno democrático". "Somos clase obreira, traballadores pobres, tomen en serio as nosas demandas, imos matar alguén", aseguraban, en referencia ás condicións de precariedade en que desenvolven o seu traballo.
Concentración de CIG polo futuro da automoción
Tamén en paralelo á sesión plenaria deste xoves, o sindicato CIG-Industria convocou outra concentración na praza do Rei de Vigo, fronte á entrada principal do edificio do concello, "en resposta á situación de deterioro da automoción e para reclamar do Goberno municipal unha actuación decidida na defensa do futuro deste sector".
Segundo informa a organización nun comunicado, "con esta protesta tamén se quere denunciar o mutismo do alcalde perante a decisión de Stellantis de instalar a tan demandada planta de baterías en Zaragoza, así como a política económica e laboral que aplica o concello, apostando por transformar unha cidade industrial como Vigo nun 'parque de atraccións' centrado no sector servizos e na precariedade laboral e salarial".
A acción forma parte da campaña de mobilizacións que o sindicato ten en marcha "en defensa da automoción galega perante a incerteza que enfronta o sector como consecuencia da falta de política industrial de país e da ausencia de proxectos relacionados co vehículo eléctrico".
Aprobado provisionalmente o novo PXOM
O novo plan sae adiante, xa que logo, antes da data límite do 5 de xaneiro, cando decae a vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional (IOP), e está previsto que entre en vigor no primeiro semestre de 2024.
Os tres edís do BNG votaron en contra. O seu voceiro, Xabier Pérez Igrexas, dixo que se viña de "dilapidar unha oportunidade histórica para crear un PXOM para toda a cidade". "É un plan redactado na escuridade dos despachos, sen interlocución e aprobado só cos votos dun partido", manifestou.
Os cinco concelleiros do Partido Popular abstivéronse porque "a cidade necesita un PXOM", aínda que, matizou, "este estea feito sen os cidadáns". A portavoz Marta Fernández-Tapias cualificou a nova norma urbanística como "chapuza de dimensións épicas".
Pola súa parte, o voceiro dos socialistas, Carlos López Font, defendeu a lexitimidade das votacións, dado que os 19 edís do PSdeG-PSOE representan "o 70 % da corporación". A concelleira de Urbanismo, María José Caride, explicou que o 45 % das 4.502 alegacións foron aceptadas "total ou parcialmente" e comparou a cifra coas "66.000" alegacións que recibira o plan de 2008. Caride salientou a creación de chan industrial, zonas verdes e equipamentos, a creación de chan para vivenda protexida e as novas dotacións.
A norma urbanística substitúe a aprobada en 2008, que foi anulada en 2015
O PXOM foi aprobado inicialmente en agosto de 2021 e, no período de presentación de alegacións, presentáronse 4.502 suxestións ou reclamacións. Substituirá o documento aprobado en 2008 e anulado en 2015 polo Tribunal Supremo por mor dunha insuficiente motivación por parte da Xunta (daquela gobernada por PSOE e BNG) sobre a non obrigatoriedade da avaliación ambiental estratéxica.
Ademais do IOP e de volver ao plan de 1993, a outra ferramenta da que dispuxo o municipio para a xestión urbanística foi a lei autonómica 3/2016, coñecida como 'Lei Vigo'. Con esta norma puideron tramitarse sen plan proxectos estratéxicos de interese público como a ampliación do Instituto Feiral de Vigo e a estación intermodal Vialia.