O concello de Vigo despide o Nadal co apagado das súas afamadas luces
O concello de Vigo despide o Nadal co apagado das súas afamadas luces
Segundo o alcalde, máis de cinco millóns de persoas pasaron pola cidade nestas festas
Vigo apagou este domingo as luces do Nadal coa expectativa de traballar "a partir de mañá" nunha iluminación "aínda mellor" para as vindeiras festas. Foi o compromiso do alcalde da cidade, Abel Caballero, no acto de clausura que, malia a choiva, contou coa asistencia de centenares de persoas. Segundo dixo, o vindeiro mes de novembro "ímolo petar".
O rexedor salientou a importancia para a cidade e para a súa economía do Nadal, que se prolongou durante case 60 días e que encheu Vigo de visitantes de todo o mundo. Neste sentido, fixo balance e asegurou que máis de cinco millóns de persoas pasaron pola grande árbore e pola Noria desde o 20 de novembro até o 9 de xaneiro.
Ao final do acto, que comezou ás 19:00 horas e durou pouco máis de 15 minutos, Caballero volveu acender a música da árbore por última vez, mentres as luces cambiaban ao ritmo da melodía.