Vilasantar conta cun punto verde para reciclar os restos da poda
Vilasantar conta cun punto verde para reciclar os restos da poda
Os agricultores súmanse á economía circular
Vilasantar quere ser un concello Residuo Zero
Carlos é o primeiro veciño de Vilasantar que hoxe levou á súa casa a biotrituradora do punto verde. É un préstamo de balde para todos os veciños que o precisen. Carlos quere triturar as pólas dun carballo que podou.
"En vez de queimalo, polo menos aproveitámolo. É moi boa iniciativa isto, porque se pode dar outra saída, que volva á terra, xa que é da terra que volva para a terra", conta Carlos Vázquez, veciño de Vilasantar
Hoxe inaugurouse o punto verde de Vilasantar, unha iniciativa de Víctor e Marta, dous agricultores ecolóxicos que queren alimentar de novo a terra de forma natural.
"Xa non se fan esas prácticas antigas de facer esterco e estas cousas que se alimentaba a terra, entón nós hai uns anos temos a sensación de que temos que alimentar, nutrir o noso chan. Levamos xa uns anos buscando materia orgánica por onde sexa, e haberá un par de anos que empezamos con este proxecto colaborando co Concello para intentar recircular toda a materia orgánica que sexa posible no noso concello e non mandala ao ceo queimándoa ou a vertedoiros ou a incenerar en Sogama ou onde sexa", informa Víctor Boga, copropietario a granxa ecolóxica Milloelandras
Para este proxecto inspiráronse nun modelo austríaco de xestión de biorresiduos.
"En Austria é típico que os agricultores sexan os que xestionen a súa materia orgánica, co cal ten unha dobre vantaxe, o tema de emisións e de fixación de carbono no chan", continúa Victor
"Paréceme unha boa idea que volva á terra o da terra, faise habitualmente en toda Europa", apunta Julie unha agricultora Belga que reside en Vilasantar
Para realizar este proxecto contaron coa axuda do concello e do Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla, Tambre e Mandeo. A materia orgánica resultante da trituración pode usarse como acolchado para os cultivos, como estruturante para facer compost e incluso pode ter usos decorativos.
"Pode utilizarse para poñer ao pé das árbores, dunha roseira, é dicir, adornar os xardíns tanto con céspede como con restos de estelas trituradas" conta Victor.