Vinte e seis detidos dunha rede que explotou sexualmente 600 mulleres no último ano
Vinte e seis detidos dunha rede que explotou sexualmente 600 mulleres no último ano
As detencións producíronse en Málaga, Madrid e Toledo, e entre os arrestados están os xefes da organización
A Policía Nacional desartellou unha organización dedicada á explotación sexual nunha operación en que foron detidas 26 persoas que puideron obrigar a prostituírse a preto de 600 mulleres no último ano en casas de Madrid, Toledo e Málaga, das que 32 foron liberadas neste operativo.
Trátase da primeira cooperación dun corpo policial europeo co Centro Especializado para a Loita contra o Tráfico de Migrantes e Trata de Persoas, que a axencia Ameripol estableceu no Río de Xaneiro, e concluíu con nove arrestados en Madrid, doce en Toledo e cinco en Málaga.
Entre os detidos atópanse os xefes da organización, para os que foi decretado o seu ingreso en prisión provisional.
Leváronse a cabo once rexistros domiciliarios e o peche de catro casas utilizadas como clubs de prostitución, nos que se interviñeron 40.000 euros en efectivo, unha arma de fogo con munición, diversas cantidades de cocaína, marihuana, haxix e tusi, 500 pastillas para a disfunción eréctil, tres vehículos, dispositivos electrónicos e documentación.
A investigación iniciouse en xuño de 2023 cando unha vítima alertou da existencia dunha rede que captaba mulleres en situación de vulnerabilidade para explotalas sexualmente en casas de Madrid, Toledo e Málaga.
Durante o operativo interviñéronse numerosos contratos laborais asinados polas vítimas que levaron os investigadores a facer unha estimación de que preto de 600 mulleres serían explotadas no último ano nas catro casas con que a rede contaba, que foron clausuradas.
A armazón nutríase de mulleres vulnerables, na súa maioría de orixe colombiana e venezolana, que atravesaban situacións persoais e económicas moi comprometidas no seu país.
Aproveitándose desa vulnerabilidade, os explotadores captaban as mulleres a través de empresas localizadas no país de orixe ou dos contactos que establecían as encargadas das casas onde eran explotadas.
Prometían ás mulleres unhas ganancias de cinco mil euros á semana, cunhas boas condicións de traballo e con cuarto propio para descansar, e as vítimas contraían unha débeda de entre tres mil e catro mil euros coa organización.
Pero en realidade, as mulleres debían estar dispoñibles as 24 horas de todos os días e arranxadas cando eran requiridas para presentarse nun máximo de cinco minutos.
Ademais tiñan prohibido engordar e eran expulsadas da casa en caso de non cumpriren cos canons de beleza e esixencias precisadas polos líderes da organización.
Os integrantes da organización facían asinar ás mulleres un contrato de cesión dos seus dereitos de imaxe e posteriormente aparecían en portais web con contido para adultos.
As mulleres vivían en condicións de total insalubridade, amoreadas en cuartos xeralmente nos sotos das casas, de pequenas dimensións, coas camas separadas por cortinas e con pouca ventilación.
Estas condicións contrastaban coa parte da casa destinada ao exercicio da prostitución, na que se coidaba todo luxo de detalles.
As vítimas eran supervisadas constantemente con múltiples cámaras de videovixilancia por todas as estancias, mesmo nos cuartos en que exercían a prostitución, algunhas escondidas.
No Día Mundial contra a Trata de Persoas, que se celebra este martes, 30 de xullo, a Policía Nacional lembra que conta coa liña telefónica 900105090 e o correo trata@policia.es para denuncias anónimas e confidenciais.