Liberadas 21 mulleres explotadas sexualmente nun operativo con seis detidos en Galicia
Liberadas 21 mulleres explotadas sexualmente nun operativo con seis detidos en Galicia
A banda chegou a vendelas a outros tratantes por 1.000 euros
As mulleres eran captadas mediante enganos e obrigadas a prostituírense para saldar a débeda contraída cos seus raptores, duns 7.000 euros
A Policía Nacional, en colaboración con Europol, liberou 21 mulleres vítimas de explotación sexual en pisos e prostíbulos de varias provincias españolas. Hai nove persoas detidas, cinco en Ourense, un na Coruña; e, o resto, foron arrestadas en Burgos, Cuenca e Madrid.
As mulleres, principalmente de orixe latinoamericana, eran captadas nos seus países de orixe e á súa chegada a España eran forzadas a prestar servizos sexuais para saldar a débeda contraída, que ascendía a 7.000 euros.
O grupo presuntamente chegou a vender a algunhas das vítimas a outros tratantes por cantidades próximas aos 1.000 euros.
Enganaban as vítimas e convertíanas en escravas sexuais
A investigación policial comezou tras seren alertados da chegada a España dunha presunta vítima de trata de persoas captada na súa cidade natal.
As pescudas permitiron localizar a vítima e confirmar a existencia deste grupo despregado en diversas provincias españolas que se dedicaba á trata de mulleres con fins de explotación sexual e a prostitución coactiva.
As vítimas eran mulleres en situación de gran vulnerabilidade que viaxaban a España desde os seus países de orixe coa misión de mellorar as súas condicións de vida.
Unha vez aquí, eran forzadas a exercer a prostitución durante todo o día en prostíbulos xestionados e controlados polo grupo e repartidos por varias localidades do territorio nacional.
Aos detidos impútanselles delitos de tráfico de seres humanos, prostitución coactiva, pertenza a grupo criminal e favorecemento da inmigración ilegal.
Ademais, realizáronse sete rexistros domiciliarios nas provincias de Ourense, Lugo, Burgos, Cuenca e Sevilla, onde se interviñeron oito teléfonos móbiles, 2.895 euros en efectivo e diversa documentación relevante para a investigación.