Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vítimas de Angrois concéntranse no undécimo aniversario da traxedia e tras un ano agardando sentenza

Vítimas de Angrois concéntranse no undécimo aniversario da traxedia e tras un ano agardando sentenza

Ás 11:30 concéntranse ante a estación de tren santiaguesa e, previsiblemente, marcharán ata a Praza do Obradoiro

Esta semana cúmprense once anos do accidente do Alvia en Angrois

Imaxe do acto celebrado o ano pasado coincidindo co décimo aniversario da traxedia Imaxe do acto celebrado o ano pasado coincidindo co décimo aniversario da traxedia
G24.gal 24/07/2024 08:24

Vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido na curva da Grandeira, no barrio compostelán de Angrois, volven concentrarse este mércores en Santiago para esixir responsabilidades por este accidente ocorrido hai 11 anos, o 24 de xullo de 2013, que deixou 80 mortos e 145 feridos.

Afectados e familiares dos falecidos volverán á capital galega 363 días despois do final do xuízo por este sinistro, que concluíu o 27 de xullo de 2023. É, por tanto, case un ano á espera de que a xuíza Elena Fernández Currás emita a sentenza.

Este mércores, 24 de xullo, ás 11:30 horas, vítimas do descarrilamento do Alvia concentraranse ante a estación de tren santiaguesa e, previsiblemente, marcharán en protesta ata a Praza do Obradoiro.

Pola tarde, ás 18:30, celebrarán unha misa na Colexiata de Sar para logo desprazarse á curva da Grandeira e realizar un acto de homenaxe aos falecidos que arrincará ás 19:30 horas.

Xa o xoves, 25 de xullo, a Plataforma Vítimas Alvia 04155 convoca un encontro familiar no Xardín do Recordo do Pazo do Faramello, en Rois (A Coruña).

Hai case un ano, o 27 de xullo de 2023, concluía este xuízo con dúas persoas sentadas no banco dos acusados: o maquinista Francisco Garzón e o exdirector de seguridade en Adif, a empresa pública responsable das infraestruturas ferroviarias, Andrés Cortabitarte. Enfróntanse a catro anos de prisión por 80 delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave.

Aínda que nun inicio se falou de varios meses e dun horizonte de espera ata a primavera deste 2024, o certo é que vai facer un ano e aínda non hai sentenza deste macroproceso que se prolongou durante dez meses e acumulou máis de 700.000 folios e unhas 200 pezas separadas, incluída a parte civil.

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, dixo a principios deste mes de xullo que a sentenza se coñecerá "seguro" este 2024, pero evitou poñer un horizonte máis concreto para que non pareza que "está a apertar" á maxistrada.

O último día de xuízo, todas as partes elevaron a definitivas as súas peticións, a excepción do fiscal Mario Piñeiro, que no último momento retirou a súa acusación contra o exdirector de seguridade de Adif e só continúa pedindo condena para o maquinista.

Cabe lembrar que a semana pasada o fiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz propuxo a Piñeiro para un posto na Fiscalía do Tribunal Supremo, un nomeamento que a plataforma de vítimas do accidente de Angrois ve como un "premio" por retirar a súa acusación contra Cortabitarte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade