Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vitoria do Breogán na final pola permanencia

Vitoria do Breogán na final pola permanencia

Os de Mrsic impóñense nun partido clave en Granada

G24.gal 27/04/2024 20:35 Última actualización 27/04/2024 21:18

Vitoria nun encontro clave para os de Mrsic, que supón un paso de xigante para a salvación. Outro partido de infarto do Breogán cun último cuarto onde se decidiu todo. Os lucenses, que conseguiron ir nove arriba ao descanso, viron como a distancia era cada vez menor ata chegar a un último parcial decisivo. 

Os dous primeiros cuartos foron un intercambio de series. Comezaron mellor os locais pero antes do final do segundo cuarto apareceu un Polite estelar para non só enganchar ao Breogán ao resultado, senón tamén poñerse por diante. O suízo foi un dos xogadores máis destacados do partido con 16 puntos neses primeiros 16 minutos. O partido íase ao descanso cunha vantaxe de nove puntos a favor do Breogán. 

O Granada foi remontando paseniño durante o terceiro cuarto ata que unha antideportiva a favor un minuto antes do final deulle o empurrón que lle faltaba para achegarse ao Breogán de maneira definitiva e reducir distancias. 

O último cuarto foi unha final. Dous equipos que celebraban cada canastra foron intercambiando golpes e chegaron cunha diferenza dun punto positiva para o Breogán a falta de 3:50. Os de Mrsic colleron un pouco de aire e aproveitaron uns bos minutos para poñerse cinco por diante a falta dun minuto para o final. Tripla de Kramer cando o partido estaba practicamente rematado que puxo en apuros ao Breo. Os árbitros tiveron que revisar canto tempo quedaba para a última posesión para os locais. 1.6 segundos para o Granada, un por debaixo con todo por xogar. Suspensión dende a esquerda ben defendida polo Breo que non tocaría nin aro e vitoria do Breogán. 

Mediante este triunfo os de Mrsic igualan ao Granada con nove vitorias, mais atópanse por diante en caso de empate. Un por diante do Obradoiro que xogará mañá, o Breo da un paso de xigante para a permanencia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos