O Leyma non pode co Xirona (89-99) e afúndese a catro triunfos da salvación
Os de Diego Epifanio mandaron durante o primeiro cuarto, pero víronse superados nos seguintes
Vixésima derrota do Leyma nesta temporada de estrea na ACB
O Leyma Coruña segue sen conseguir unha vitoria que alivie a súa difícil situación na Liga ACB. O cadro de Diego Epifanio non puido co Xirona de Moncho Fernández, rival directo que marcha da cidade herculina catro tiurnfos por diante, a distancia coa salvación para os galegos.
O partido comezou ben, cun parcial de 12-4 para o Leyma, con Diagne e Barrueta comandando a anotación. Pero o Xirona reaccionou, e acabou dándolle a volta ao resultado ao primeiro intervalo: 22-23.
A partir de aí, o Xirona foi sempre por diante, malia a que Scrubb reducía a desvantaxe ao mínimo cunha tripla. Unha última canastra de Taylor deixaba o marcador ao descanso en 44-49, cinco puntos de desvantaxe a reducir na continuación.
O partido seguiu nunha tónica similar á volta de pausa. O Xirona superou a barreira dos dez puntos cunha tripla de Susinskas. Unha vantaxe que os coruñeses conseguiron reducir a 8 ao final, pero o terceiro parcial tamén era visitante, 20-23.
O último cuarto comezou confirmando a superioridade visitante no rebote ofensivo. Os de Moncho Fernández acadaban o décimo para unha tripla de Marcos, que obrigaba ao tempo morto coa máxima de 12 puntos. O partido entrou entón nunha fase de anotación rápida, da que tirou proveito o equipo coruñés para volver situarse a sete no marcador cunha tripla de Thompkins e unha canastra de Scrubb.
O parcial seguiu medrando tras o tempo morto, co 80-85 que reabría a loita polo partido. E, con menos de dous minutos, o Leyma púxose a 4 e Augusto Lima colocou un tapón que erguía ao Coliseum. Pero, con 2,7 de posesión, Fjellerup anotaba unha tripla que volvía afastar a vitoria. Unha última tripla de Durham colocaba o 87-96 a falta de 30 segundos, e certificaba a vixésima derrota do Leyma Coruña. Unha derrota que, combinada cos outros resultados da xornada, deixa aos coruñeses a catro triunfos da salvación, con so nove xornadas por diante.
No apartado anotador, destacou Thompkins, máximo realizador do partido con 24 puntos. Diagne, que meteu 13, sumou 22 de valoración. Por parte dos cataláns, Juan Fernández anotou 13, igual que Marcos e Durham, e acadou 23 de valoración.