Un mal último cuarto condena ao Breogán diante do UCAM Murcia (70-86)
O partido foi igualado, con lixeiras vantaxes murcianas, e dinamitouno Ennis con dúas triplas consecutivas
Os erros nos tiros libres lastraron aos de Luis Casimiro
O Breogán perdeu a ocasión de sumar a súa undécima vitoria do curso, e achegarse aos postos de play off. Foi diante dun UCAM Murcia que chegaba igualado a dez vitorias, e levou unha máis grazas a un maior acerto nos minutos decisivos.
O partido comezou cun primeiro cuarto de alta anotación: 26-29. Logo duns primeiros minutos de dominio local no marcador, o UCAM Murcia colleu a iniciativa a menops de catro minutos, e acabou levando o parcial por tres de diferenza, comandado por Ennis e Hakanson, con cadanseus 8 puntos. Idéntica cifra anotou Apic para os galegos.
No segundo parcial mudou a decoración. Pasaban os minutos e os puntos non caían. So 11 puntos por equipo, que levaron o resultado ao descanso nun 37-40 a prol dos murcianos.
O ritmo anotador recuperouse no terceiro cuarto, especialmente por parte do equipo visitante, que abriu fenda aos poucos ata situarse cun 52 a 59. Unha última boa canastra de Mavra deixaba o marcador en 58-63 no último intervalo, e as espadas en todo o alto.
Mavra e Apic comandaban a anotación luguesa, cando chegou o momento culminante do partido: dúas triplas consecutivas de Ennis levaban a vantaxe do UCAM aos dez puntos, a máxima renda do seu equipo.
O UCAM Murcia soubo manter esa vantaxe mentres esmorecía o tempo deste cuarto parcial. Lastrados polos erros desde a liña de tiros libres, os galegos non eran quen de pechar esa fenda, e a derrota foise materializando ata o 70-86 final, cunha nova tripla de Ennis (28 puntos) para pechar o encontro. O Breogán segue estancado nas 10 vitorias, e perde a ocasión de achagrse á parte alta. Algo que si fixo o cadro de Sito Alonso coa undécima vitoria.