Epifanio: "Non é fácil, pero as matemáticas din que estamos aí"
Epifanio conta coa dúbida de Thomas Heurtel para xogar ante o Xirona de Moncho Fernández
Diego Epifanio, adestrador do Leyma Básquet Coruña, non escondeu este xoves a transcendencia que o partido deste sábado contra o Xirona, un rival directo na pelexa pola salvación, ten para o futuro do seu equipo na liga Endesa.
“Non é fácil, pero as matemáticas din que estamos aí. É evidente que non dependemos de nós mesmos, iso é verdade, pero imos facer o máximo para chegar ao final con opcións de manter a categoría. E por iso é moi importante o partido deste sábado”, declarou en conferencia de prensa.
Por iso, no canto de “botar contas”, o técnico laranxa pediu centrarse en preparar o duelo contra un rival ao que xa venceron na primeira volta en Fontajau.
“A situación é difícil, pero non podemos mirar para atrás, hai que mirar para adiante, hai que preparar o mellor posible este partido. Sabemos a importancia do duelo do sábado e o importante que é manter o proxecto na categoría. Custou moito chegar ata aquí e temos que facer todo o posible por mantelo”, indicou.
Epifanio asume que cometeron “innumerables” erros, pero avogou por “borralos” e traballar “ao máximo” para, co apoio dunha afección que é “a envexa” de moitos pavillóns, superar este desafío que teñen por diante.
“Agora necesitamos a todo o mundo, os que pensan que non o fixemos ben e os que seguen soñando coa salvación. Necesitamos que o pavillón estea desde o primeiro segundo como contra o Lleida”, subliñou.
Epifanio conta coa dúbida de Thomas Heurtel, que non puido facer todas as sesións co equipo